Ana Pontón propón unha mesa para modernizar o sector da automoción

Ana Pontón. EFE
A portavoz nacional e candidata do BNG pide a creación dunha lei que "free" a deslocalización do emprego

A portavoz nacional e candidata do BNG á presidencia da Xunta de Galicia, Ana Pontón, propuxo este martes unha serie de medidas para "modernizar" o sector da automoción, para que gañe competitividade e que se freen a deslocalización e a precariedade no emprego. 

Así o trasladou após manter un encontro con representantes sindicais da CIG neste ámbito industrial, coa "convicción" de que Galicia necesita "un sector industrial forte" para "ter futuro". 

A candidata nacionalista defendeu que o BNG contempla a automoción, no seu programa de goberno, como unha industria "chave" para o desenvolvemento económico de Galicia e, por iso, propón medidas para que se "adapte" aos novos tempos. 

Entre esas medidas, Ana Pontón expuxo a constitución dunha "mesa" do sector, con representación da administración, das empresas e dos traballadores, "que permita deseñar o futuro" desta industria. A ese respecto, incidiu en que a automoción se atopa nun momento de cambios "acelerados", como a transición cara á desaparición dos motores diésel, e que debe "prepararse" e "adaptarse" a ese escenario. 

Outra das medidas expostas é a histórica demanda do BNG de implantar unha "tarifa eléctrica galega" que, sinalou a candidata, permitirálle á industria en xeral e á automoción en particular abaratar os seus custos enerxéticos e ser máis competitiva. 

Ana Pontón avogou tamén por medidas que freen a "deslocalización" e anunciou unha lei a ese respecto que, ademais de evitar a fuga, "garanta" a instalación de empresas en Galicia. 

Finalmente, a aspirante do BNG á presidencia da Xunta lamentou que, nos últimos anos, "a precariedade é cada vez maior" na industria galega de automoción, e apostou por unha industria con "traballadores ben pagos", porque Galicia conta con "xente capaz e ben formada", cuxo futuro "non se pode escribir coa 'P' de precariedade". 

Pola súa banda, a responsable de automoción da CIG, María Xosé García, criticou a "pésima" actitude da Xunta con respecto a este sector e á industria en xeral, dedicándose a "subvencionar multinacionais", "sen preocuparse" da saúde e as condicións laborais dos traballadores. "O sector de automoción estásenos indo das mans, como xa pasou co naval", advertiu, e lembrou que a precariedade no emprego ten fatais consecuencias, como os accidentes que poden acabar en morte, en alusión ao ocorrido nunha planta de compoñentes de automoción no Porriño (Pontevedra) hai unhas semanas.