Catro anos de cárcere por encañonar ao dono dun bar da Coruña

Audiencia Provincial da Coruña. AEP
Un home que en abril de 2019 encañonó ao propietario dun bar da Coruña, porque se negou a servirlle unha consumición, foi condenado a catro anos de cárcere pola Audiencia provincial da Coruña, informou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

A sentenza da sección primeira da Audiencia da Coruña condena ao home polos delitos de ameazas -un grave e outro leve-, de lesións con deformidade por imprudencia grave e de tenencia ilícita de armas.

O citado tribunal considerou que o individuo sacou unha pistola da súa roupa e, apuntando á cabeza do dono do local, accionou o gatillo en diversas ocasións, mentres lle dicía: "Agora si que me vas a servir".

Varias persoas trataron de arrebatarlle a arma e, durante o forcejeo, o agresor caeu encima dun dos clientes ao que lle fracturou o nocello esquerdo e produciulle outras lesións.

Finalmente, varias persoas conseguiron expulsar do bar ao agresor, que continuou golpeando a porta e ameazando a un dos clientes.

A Audiencia tamén lle impuxo unha prohibición durante dous anos de comunicarse co dono do bar e de achegarse ao seu traballo, é dicir ao establecemento onde se produciu a agresión, na coruñesa rolda de Outeiro, así como a indemnizar con 19.335 euros ao cliente que lesionou.

Na vista oral do xuízo, o acusado alegou que só quería darlle "un susto" ao dono do bar e recoñeceu que se formou un tumulto no que unha persoa caeu ao chan, pero negou estar en contacto con ese individuo e proferido ameaza algunha.