Arden dous alpendres en Arzúa e Muxía

En ningún dos incidentes houbo que lamentar danos persoais

Os servizos de extinción e de urxencias interviñeron nas últimas horas en dous incendios declarados en dous alpendres para almacenar palla nas localidades coruñesas de Arzúa e Muxía. Segundo informou o CIAE 112-Galicia, sobre a unha da madrugada, un particular alertou de que ardía unha palleira da súa propiedade, próximo á súa casa, situada no lugar de Seixas, en Arzúa.

No momento foron mobilizados efectivos do parque comarcal, así como membros de Protección Civil e Garda Civil. O lume afectou a unha construción anexa ao alpendre, onde os propietarios gardaban diversos electrodomésticos e, desde aí, propagouse a unha palleira onde arderon uns once rolos de herba seca.

INCENDIO EN MUXÍA. Na tarde do martes, en Muxía, rexistrábase outro lume nun alpendre que almacenaba palla. Foi no lugar de Guisamonde, na parroquia de Morquintián, sobre as 19.00 horas. 

Ata a zona acudiron os Bombeiros de Cee, Garda Civil e Protección Civil. Os servizos de extinción informaron de que ardeu parte do teito dun pequeno alpendre e morreron dúas galiñas que se atopaban no seu interior. Segundo as primeiras investigacións, a orixe puido estar nunha cheminea. 
 

Comentarios