A prisión o sobriño de Charlín detido polo atropelo mortal a unha muller de Vilanova

O arrestado é Diego Silva, que xa fora condenado en 2011 por outro accidente de tráfico no que tamén faleceu unha persoa
Atropello en Vilanova. DP
photo_camera Atropelo en Vilanova. DP

O xulgado de Instrución 1 de Vilagarcía decretou prisión provisional, comunicada e sen fianza para Diego Silva, sobriño do patriarca do clan dos Charlines, Manuel Charlín, en relación co atropelo mortal e posterior fuga que lle custou a vida a unha muller de 78 anos.

Este home está investigado polos delitos de condución temeraria con manifesto desprezo pola vida dos demais, homicidio imprudente e abandono do lugar do accidente, informaron fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Ademais, o xulgado decretou o comiso do vehículo, un Mercedes de alta gama, e a privación cautelar do permiso de conducir do detido.

ARRESTO. A Policía Local de Vilanova de Arousa detivo este mércores pola mañá ao presunto autor do atropelo mortal dunha muller de 78 anos ocorrido a última hora do martes diante da igrexa parroquial da localidade arousá. A septuaxenaria falecida, D.V., morreu tras ser alcanzada polo vehículo, que non se detivo. O condutor fuxiu do lugar e as forzas de seguridade despregaron un dispositivo para localizar ao condutor fuxido que deu os seus froitos na mañá deste mércores. 

O arrestado, Diego Silva Charlín, reside en Vilanova e é sobriño do patriarca dos Charlines, que xa fora condenado en 2011 por outro accidente de tráfico no que morreu outra persoa. A Policía Local púxose en contacto cun dos seus familiares, que mediou para que se entregase ás autoridades. Foi trasladado aos xulgados de Vilagarcía.

"Desde a noite tiñamos a sospeita e estiveron toda a noite buscándoo con intensidade, porque quedaron moi afectados.  Agora pola mañá detivérono e levárono para o cuartel da Garda Civil. Non nos consola nada da morte de Lola, con iso non se arranxa nada, pero a Xustiza ten que actuar", explicou o alcalde da localidade, Gonzalo Durán.

O rexedor declarou que a muller, "moi coñecida", faleceu no acto e que o coche  "arrastrou o corpo un tramo longo e seguiu". "Estaba preto dun paso de peóns, pero non sabemos estaba a cruzar, se estaba encima e foi desprazada ou non, non está claro, nos próximos días saberase todo", engadiu.

Durán mostrouse indignado con que o responsable se dese á fuga. "Todos andamos na estrada, hai que andar con prudencia, e se tes a mala sorte de que atropelas a alguén ou dás un golpe a outro coche no que pode quedar alguén ferido,  o que non podes facer nunca é irte, é moi grave", recalcou.

Segundo testemuñas do suceso, o responsable do atropelo continuou a marcha logo de producirse o sinistro. Ao parecer, circulaba nun coche deportivo -Mercedes- de cor branca. Unha das persoas presentes asegurou que circulaba de forma temeraria e a gran velocidade.

Varios particulares contactaban co 112 Galicia sobre as 20.15 horas do martes para alertar do sucedido, que ocorreu na rúa de Don Agustín Jambrina, en Vilanova de Arousa. A pesar dos esforzos, o equipo médico desprazado nada puido facer por salvar a vida da muller atropelada, que era oriúnda e veciña de Vilanova.

Os xestores do Centro Integrado de Atención ás Urxencias (CIAE) 112 Galicia solicitaron a intervención de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos axentes da Garda Civil de Tráfico , que puxo en marcha un control para dar co responsable, e da Policía Local, dos Bombeiros de Vilagarcía e dos membros da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Vilanova de Arousa.