Arrincan as novas visitas guiadas ao Pórtico da Gloria

Estarán dispoñibles os venres, sábados e domingos e chegarán ao museo catedralicio e o Palacio de Gelmírez
Pórtico da Gloria. AEP
photo_camera Pórtico da Gloria. AEP

A catedral de Santiago estrea este venres as novas visitas ao Pórtico da Gloria, as cales inclúen un percorrido guiado por persoal especializado e que, ademais deste icónico punto, entra no museo catedralicio e o Palacio de Gelmírez, que alberga o Espazo Mestre Mateo. 

Segundo informaron este mércores os responsables da seo compostelá, este tipo de visitas estarán dispoñibles os venres, sábados e domingos, en diferentes horarios, e cunha duración de noventa minutos. As reservas poden realizarse na web da catedral os grupos participantes serán de entre 20 e 30 persoas. 

"Son visitas ideadas para engadir valor á experiencia de acceder ao espazo do Pórtico da Gloria, de maneira que se poida profundar no significado histórico e artístico deste monumento, así como a todo o proxecto do Mestre Mateo na catedral compostelá", explicaron desde a organización, que apuntou que esta nova modalidade, deseñada pola Fundación Catedral en colaboración con diferentes empresas locais dedicadas ao sector turístico, comparte "a mesma filosofía" que os percorridos nocturnos, postos en marcha o pasado mes de agosto para ofrecer "unha visita guiada de calidade" cun "tempo amplo e tranquilo".

Comentarios