Asaltan nunha madrugada quince adegas do Saviñao
Unha quincena de adegas da zona deSan Vitoiro, no municipio de O Saviñao, foron asaltadas a madrugada do martes ao mércores. Trátase de construcións situadas ao pé do río Miño a maioría de pedra de certa antigüidade.
Os cacos levaron apeiros de labranza, xeradores eléctricos, rozadoras e todos os alimentos que atoparon ao seu paso. Por exemplo, nunha das adegas fixéronse cun xamón e noutras levaron botellas de licor, refrescos e outras bebidas.
Tamén aproveitaron para facerse con útiles de cociña e outros obxectos que os veciños gardaban nas construcións.
Pero o peor, foron as desfeitas que causaron para entrar nas instalacións, xa que romperon con mazas e machadas as portas das instalacións, a maioría de madeira e dun importante valor económico.