Asturias rexeita permitir a mobilidade con Galicia por cuestións "de saúde pública"

Feijóo entende e comparte a decisión
Control de la Guardia Civil en Ribadeo. EUROPA PRESS
photo_camera Control da Garda Civil en Ribadeo. EUROPA PRESS

O Goberno asturiano decidiu este xoves non solicitar ao Executivo central autorización para permitir a mobilidade con Galicia e Cantabria a partir do luns 15 de xuño. Segundo sinalou a portavoz do Executivo e conselleira de Benestar e Dereitos Sociais, Melania Álvarez, débese a cuestións "de saúde pública". 

Nese sentido, tras a rolda de prensa posterior ao Consello de Goberno, Álvarez indicou que os últimos brotes de covid-19 no País Vasco modificaron a previsión inicial de Asturias de solicitar esa mobilidade coas autonomías veciñas, o que permitiría o establecemento dun "corredor do norte" entre as rexións da Cornixa Cantábrica, que se atopas todas en fase 3. 

Doutra banda, a portavoz do Goberno asturiano recordou que con Galicia existe "outro problema", xa que o presidente da Xunta, o 'popular' Alberto Núñez Feijóo, mostrouse partidario de levantar o estado de alarma "mentres que o Principado defendemos que se manteña ata o final", sentenciou. 

A mobilidade entre toda a zona cantábrica era unha reclamación que nos últimos días viñeran anunciado os presidentes de Galicia, Asturias, Cantabria e País Vasco. Con todo, vai ter que esperar polo menos ata o 21 de xuño, data do fin do estado de alarma e, polo tanto, das restricións de mobilidade entre autonomías.

"XESTIONAR A INCERTEZA".  Sobre ese cambio de criterio e as medidas específicas postas en marcha durante a desescalda, Álvarez incidiu en que estes momentos o Principado está "na permanente xestión da incerteza" onde "a situación marcará as decisións a seguir". Por iso, preguntada polos xornalistas sobre as futuras medidas que exporá Asturias de face á 'nova normalidade', a portavoz do Goberno preferiu "achegar certezas" e sinalou que o conxunto do Executivo traballa en concretar o decreto-lei estatal ás especificidades asturianas. Así, a partir do 21 de xuño, data do fin do estado de alarma, espera que haxa certezas, guste ou non gusten", aínda que polo momento considerou "precipitado" anuncialas. 

RESPOSTA DE FEIJÓO. O presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, sostivo que entende e comparte a decisión do Goberno asturiano. Nunha conferencia de prensa, explicou que as autoridades sanitarias de Asturias puxéronse en contacto con el para explicar a motivación para descartar a posibilidade de abrir "unha especie de corredor do Norte" desde Euskadi ata Galicia. "Coñezo esa decisión", apuntou á prensa, e, compártea, posto que desde Asturias trasladáronlle que a determinación se adoptou despois de que Cantabria anunciase que non consideraba prudente abrir o seu territorio cara ao País Vasco e, por conseguinte, tampouco cara a Asturias. 

Este motivo deriva en que Asturias decida que se non abre a súa fronteira con Cantabria tampouco o faga cara a Galicia; "é unha decisión que comprendo", abundou Núñez Feijóo, que admite que sería complicado "non abrir cara a oriente e si cara a occidente". 

Comentarios