Atopan o corpo sen vida dun mozo baixo a súa piragua en Baiona

Un veciño que paseaba polas inmediacións do Parador avistou a embarcación envorcada

O corpo sen vida dun mozo apareceu este domingo pola tarde baixo unha piragua fronte ao Parador de Baiona. Un veciño que paseaba pola zona avistou a piragua envorcada e chamou inmediatamente ao 112 Galicia, segundo informou Emerxencias de Galicia na súa web.

Faltaban apenas cinco minutos para as 18.00 horas cando se activou o operativo encabezado polos rescatadores de Salvamento Marítimo e o Servizo de Gardacostas, que se desprazaron ao momento a bordo do helicóptero Pesca I.

Foi este equipo o que, poucos minutos máis tarde, recolleu o cadáver do mar e trasladouno ao Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. Desde o 112 Galicia solicitouse tamén a colaboración dos axentes da Garda Civil.

Emerxencias informa de que tras a primeira chamada de alerta ao 112 Galicia sucedéronse outras dos compañeiros do mozo falecido, preocupados polo seu paradoiro ao que perderan durante a mañá, cando saíu coa embarcación.