Audasa recorre a baixada da compensación pola peaxe gratuíta Vigo-O Morrazo

Cabinas nunha peaxe da AP-9. DAVID FREIRE

A Administración estimou necesario modificar o procedemento contemplado inicialmente para evitar un "enriquecemento inxusto" da concesionaria da AP-9, que reclama máis diñeiro

 

 

Autoestradas do Atlántico (Audasa), concesionaria da AP-9, interpuxo ante o Tribunal Supremo un recurso contra o real decreto polo que se modifica o procedemento de compensación contemplado no convenio coa Xunta e o Estado para permitir a gratuidade das peaxes Vigo-O Morrazo e A Coruña-A Barcala, segundo publica este martes o Boletín Oficial do Estado (BOE).

Na modificación do convenio, a Administración apunta que no período transcorrido desde a entrada en vigor do mencionado real decreto, "púxose de manifesto unha diferente evolución dos ingresos pola peaxe dos tramos nos que se implantou a supresión do cobro respecto dos do resto da autoestrada". Así, mantén que os importes abonados polo Estado e a Xunta en concepto de compensación difiren substancialmente dos que percibiría a concesionaria de non terse adoptado a citada medida"; unha situación que considera "prexudicial para as administracións implicadas, e vén supondo un certo enriquecemento inxusto para a sociedade concesionaria". 

Por iso, estimou necesario modificar o procedemento de compensación contemplado inicialmente. Ademais, a fin de reducir o custo dos intereses que implica o pago anual da compensación, incluíuse "a posibilidade de efectuar os pagos trimestralmente, de tal xeito que non se xeren intereses de demora se se abonan as cantidades no prazo acordado".