Áurea Soto nega que cometese prevaricación na legalización de vivendas

A exconcelleira de urbanismo de Ourense asegura que ninguén a avisou de posibles irregularidades. O xulgado terá que dilucidar a pertinencia do pago por parte do Concello dunha indemnización de 358.000 euros á propietaria do edificio que os demandou
Áurea Soto, en la primera sesión del juicio en el juzgado de lo penal número dos de Ourense
photo_camera Áurea Soto, en la primera sesión del juicio en el juzgado de lo penal número dos de Ourense

A exconcelleira socialista Áurea Soto negou este martes a presunta comisión dun delito de prevaricación durante a súa etapa como responsable da área de urbanismo de Ourense relativo á concesión de licenza aos edificios e o aparcadoiro subterráneo da Praza de San Antonio e alegou que ninguén me avisou" de posibles ilegalidades.

Soto fixo esta afirmación durante a primeira sesión de xuízo -das tres previstas- celebrado no Xulgado do Penal 2 de Ourense no medio dunha gran expectación mediática.

Arroupada polo exalcalde Agustín Fernández e o actual portavoz do PSOE no Concello de Ourense, José Ángel Vázquez Barqueiro, así como varios concelleiros da Xunta de Goberno, sostivo que ninguén lle manifestou dúbidas sobre posibles problemas derivados da legalización dese conxunto e asegurou que tampouco "profundei" na situación en que se atopaba cando entrou na concellaría no ano 2007.

"Falamos moi pouco e cando entrei tiñamos 20 días para incoar un expediente de legalización", declarou Soto, quen defendeu que era necesario actuar a fin de evitar a demolición dos edificios, nos que residían un centenar de persoas.

A preguntas do fiscal e da acusación, remitiuse a unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que instaba o concello a "proceder á legalización das vivendas" ao haberse admitido o recurso de inejecución.

Para iso, Soto declarou que decidiu contratar a unha persoa especializada en urbanismo, ao cabo, Carlos Hernández, tamén imputado por estes feitos, quen actuou como asesor externo, por entender que era un profesional "de prestixio" e cunha opinión "non nesgada" sobre a situación municipal.

Pola súa banda, Carlos Hernández explicou que foi a concelleira socialista quen lle solicitou a súa opinión para ver que se podía facer a fin de evitar a demolición das vivendas e do aparcadoiro. O avogado defendeu o seu informe sustentándose no Plan Xeral de Ordenación Municipal de 2003 para defender o seu uso como parcela con carácter privado fronte á sentenza que ditaba o carácter público da zona, argumento que contou coa discrepancia dun técnico e a viceasesora xurídica municipal.

Durante o receso, o avogado que exerce a acusación particular, Antonio Rodríguez Miranda, explicou que concorren dous delitos contra a ordenación do territorio e outros dous de prevaricación ao entender que se traspasaron as marxes da legalidade administrativa" que foi "prexudicial para os intereses públicos".

Por estes feitos, a socialista enfróntase a unha petición de dez anos de inhabilitación para cargo público, por un delito de prevaricación urbanística, que a acusación particular eleva a 21 anos. A petición para Carlos Hernández redúcese a dez anos como "cooperador" nestes feitos.

Así mesmo, o xulgado terá que dilucidar a pertinencia do pago por parte do Concello de Ourense duns 358.000 euros en concepto de indemnización á propietaria do edificio que os demandou.

Comentarios