Baixan os contaxios diarios en Galicia, pero repunta a cifra de pacientes en Uci

Descenden lixeiramente, a 1.086, os ingresados noutras unidades e a taxa de positividade cae a un 9% 
 
Urxencias de Montecelo. DAVID FREIRE
photo_camera Urxencias de Montecelo. DAVID FREIRE

Os pacientes con covid-19 hospitalizados en unidades de coidados intensivos (Uci) da comunidade volveron a incrementarse ata os 193, tras superar este mércores (178) o pico máximo rexistrado en Galicia na primeira onda (177 notificados o 4 de abril), mentres que os contaxios diarios baixaron a 1.468 —uns cen menos que a xornada anterior—. Obsérvase ademais un lixeiro descenso de pacientes ingresados noutras unidades, que se sitúan en 1.086, o que supón sete menos, mentres que os hospitalizados en Uci aumentan en 15.

Por áreas sanitarias, a presión en hospitalización descendeu lixeiramente na de Santiago, onde hai un paciente con covid menos en Uci (35) e sete menos noutras unidades (119). Tamén caen os ingresados con coronavirus no distrito de Vigo, que mantén 23 en Uci e ten 172 noutras unidades (seis menos que a xornada anterior).

Na área de Lugo tamén baixan nun ata os 57 os pacientes noutras unidades con covid e mantéñense en 15 os ingresados en Uci. Mentres, na de Pontevedra-O Salnés descenden en dúas os hospitalizados noutras unidades (116) e aumentan nun os que se atopan en críticos (17). 

O maior incremento de hospitalizados corresponde á área da Coruña e Cee, onde hai 11 pacientes máis con covid en Uci (59) que a xornada anterior e cinco máis noutras unidades (310). Pola súa banda, na de Ourense mantéñense en 14 os que se atopan en críticos e soben en cinco os ingresados noutras unidades (177). 

Polo seu lado, o distrito sanitario de Ferrol os pacientes con coronavirus ingresados en Uci increméntanse en catro ata os 30 e descenden nun, ata os 135, os hospitalizados con coronavirus noutras unidades.

CASOS. Os casos activos de covid-19 en Galicia aumentaron en 320 con respecto á xornada pasada e sitúanse en 21.613, tras experimentar descensos nas áreas de Santiago e Barbanza, que rexistra 3.271 —o que supón 38 menos— e na de Ourense, que ten 2.968 —doce menos—. 

Por contra, aumentan os casos activos na área sanitaria de Vigo, que rexistra 3.681; mentres que na da Coruña e Cee soben a 5.855; ascenden a 2.154 na de Pontevedra; a 1.978 na de Lugo; e a 1.706 na de Ferrol. 

En relación aos contaxios diarios, os detectados con diferentes probas ascenden a 1.468, deles 1.121 confirmados por PCR nas últimas 24 horas. Deste xeito, a cifra de contaxiados aumenta en Galicia a 92.646 na comunidade galega. 

Por áreas sanitarias, a da Coruña e Cee rexistra 21.281 contaxiados; a de Vigo ten 17.755; a de Santiago e Barbanza, 15.132; a de Ourense, 12.687; a de Lugo, 9.814; a de Pontevedra-O Salnés, 9.747 e a de Ferrol, 6.230.

FALECIDOS E POSITIVIDADE.  Mentres, os falecidos con covid na pandemia en Galicia aumentan a 1.688 despois de que as autoridades sanitarias informasen este mércores de 29 novas mortes que se rexistraron desde o 22 de xaneiro.  Esta cifra supón a segunda máis alta comunicada en toda a pandemia na comunidade galega. En concreto, o día 3 de abril Sanidade informou de 27 falecementos, un dato que se igualou esta semana con 27 casos comunicados este luns. 

No que respecta á taxa de positividade —porcentaxe de infeccións por test PCR realizadas— este xoves descende a un 9 por cento, tras aumentar a xornada anterior a un 10,8%, polo que seguen por encima do establecido pola OMS para dar por controlada a pandemia, un 5% do que Galicia non baixa desde o 24 de decembro. 

Segundo os últimos datos actualizados, as PCR realizadas en toda a comunidade galega ascenden a 1.370.436 desde o inicio da pandemia, o que supón 12.794 máis que a xornada anterior.  Ata a data en Galicia curáronse 69.356 pacientes con covid-19, o que supón 1.119 persoas máis que as rexistradas ata este mércores.

Comentarios