Barallan dúas opcións como posible causa do incendio do catamarán do Grove

Cinco dos pasaxeiros continúan ingresados e en estado grave

Imagen del catamarán Boramar. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Imaxe do catamarán Boramar. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Unha explosión puido ser a causa do incendio dun catamarán turístico no Grove no que 38 persoas resultaron feridas este martes, cinco delas graves.

Ésta é a principal hipótese da Garda Civil, que trata de pescudar en que zona do barco e por que se produciu dita explosión. Segundo informaba a Radio Galega, a orixe puido estar na sala de máquinas ou na cociña.

Un proceso de investigación que aínda "levará o seu tempo", apuntan as fontes.

No mesmo participa a Policía Xudicial de Cambados co apoio de especialistas na investigación de incendios da Policía Xudicial da Coruña.

O incendio produciuse sobre as catro da tarde deste martes pouco despois de que o catamarán Boramar, que fora botado o día do Carmen, saíse do porto do Grove.

A bordo viaxaban 52 persoas, delas oito nenos, entre pasaxe e tripulación.

Presas do pánico, moitas persoas lanzáronse á auga para porse a salvo das chamas, que acabaron calcinando o catamarán, e foron auxiliadas polos servizos de urxencia e tamén por outras embarcacións de recreo e de pesca que había na zona.