Beiras chama "nazi fascista" a Vox e cre que Batasuna foi ilegalizada "por moito menos"

Xosé Manuel Beiras, na presentación de 'Nuredin o taxista e Amedine o pintor'. CABALAR (EFE)

O político considera ao partido de Abascal, a Bolsonaro e a Trump "a reencarnación de Hitler"

O histórico dirixente nacionalista Xosé Manuel Beiras dixo este xoves que Vox debería ser un partido ilegalizado e comparou á formación política de Santiago Abascal con Herri Batasuna, que "foi ilegalizada por moito menos no seu momento", afirmou o político galego.

"¡A min que me importa o que vai sacar Vox nas eleccións!", respondeu a unha xornalista que lle preguntou pola irrupción de Vox nas pasadas eleccións xerais.

Tras a presentación do seu último libro, Nuredin o taxista e Amedine o pintor, na Coruña, Beiras comentou sobre o partido de Abascal que "o caso é que se poden presentar ás eleccións" e recordou que "EH Bildu pasounas negras para ser legalizada", polo que mostrou o seu malestar coa nova formación da dereita dicindo con ironía que "os señores de Vox son uns santos".

"Vós as mulleres, en xeral, podedes estar encantadas con Vox. Xa sei que non, pero hai mulleres que si porque a alienación funciona en todas partes, igual que hai obreiros que votan ás dereitas que lles quitan os postos de traballo, e hai mulleres que votan aos machistas; iso está estudado pola esquerda desde século XIX e a esquerda de agora non fala nunca diso", comparou.

Segundo o referente de Anova, as "eleccións están trucadas porque as regras de xogo sáltanse, non hai igualdade no terreo de xogo", e acusou a determinados medios de comunicación de "blanquear aos nazi fascistas, que se chaman Vox, e que resulta que son tan bos e máis demócratas que Puigdemont, ¡imos centella!", exclamou.

O político nacionalista ha lamentado o sistema electoral español que outorga os seus escanos a través da Lei D'ont e aliñouse co filósofo grego Aristóteles que afirmaba que "a democracia non é a aritmética das maiorías e minorías".

Para Beiras "non hai cultura de democracia no aparello de Estado e menos unha cultura republicana e así non imos a ningún lado", dixo con resignación o líder nacionalista.

Os paralelismos continuaron na argumentación realizada por Beiras sobre Vox e o seu crecemento nas urnas, coa extrapolación doutros fenómenos producidos en diferentes países e sinalou ao "xíbaro ese de Bolsonaro" ou o "trompetista" da Casa Branca, para afirmar que "son a reencarnación de Hitler en contextos históricos distintos, e non pasa nada".

Beiras sente molesto tamén cos dirixentes da Unión Europea, aos que acusou de estar "bailando o Rigodón con eses señores, como o bailaban con Hitler ata que caeu a que caeu", lamentou.