Bioga busca a mellor idea empresarial biotech e a firma máis competitiva do sector en Galicia en 2018

A Axencia Galega de Innovación e o Clúster Tecnolóxico Empresarial as Ciencias da Vida de Galicia convocan os VI Premios Bioga para “recoñecer o traballo das empresas pioneiras e pór en valor o talento emprendedor”

O Clúster Tecnolóxico Empresarial dás Ciencias da Vida de Galicia (Bioga) e a Axencia Galega de Innovación (GAIN) convocan os VI Premios Bioga para incentivar o impulso e desenvolvemento das iniciativas empresariais baseadas no talento innovador vinculadas á biotecnoloxía e recoñecer o traballo das empresas máis competitivas xa consolidadas do sector biotecnolóxico que desenvolven a súa actividade na comunidade galega.

O prazo para a presentación de candidaturas, xa aberto, finaliza o próximo 26 de outubro ás 14.00 horas. A cidade da Coruña acollerá o 16 de novembro nun acto público a entrega de VI Premios Bioga.

"Queremos recoñecer o labor, traballo e esforzo de empresas xa consolidadas no sector bio e, ao mesmo tempo, promover o talento e a iniciativa entre emprendedores galegos que dan ou pretenden dar os seus primeiros pasos no mundo empresarial bio", asegura Carme Pampín, presidenta de Bioga, quen destaca o prestixio e dimensión que cada ano adquiren os Premios Bioga. Ao seu xuízo, “con dedicación e entrega, todos os actores activos do sector biotecnolóxico galego –entre os que están universidades, centros de investigación, pequenas e grandes empresas e a Administración autonómica– están a lograr que Galicia sexa xa considerada como un referente da biotecnoloxía no resto de España e no mundo”.

Carme Pampín: "Queremos recoñecer o labor, traballo e esforzo de empresas xa consolidadas no sector bio"

Carme Pampín aproveita para destacar “a elevada especialización das empresas bio galegas, a súa capacidade para xerar coñecemento e o crecente potencial para buscar oportunidades nos mercados internacionais”.

Nos VI Premios Bioga, únicos premios autonómicos de recoñecemento á consolidación empresarial e ao talento no sector, hai dúas modalidades: Premio á Empresa Biotech máis Competitiva 2018 e Premio á Mellor Idea Empresarial Biotech 2018. A primeira modalidade está destinada a firmas con traxectoria empresarial xa consolidada e con logros biotecnolóxicos destacados. Na segunda modalidade teñen cabida os proxectos innovadores de recente creación que aposten por novos produtos ou servizos e con visión de futuro.

O xurado que elixirá ás firmas premiadas entre as candidaturas recibidas ata o 26 de outubro estará formado pola xunta directiva de Bioga, un representante da Universidade de Santiago de Compostela (USC), un representante das Fundacións Biomédicas, un representante da Axencia Galega da Innovación e os gañadores da edición anterior (as compañías Health in Code e Eicpar). En 2017 participaron unha quincena de candidaturas. Os premios deste ano entregaranse o 16 de novembro na cidade da Coruña, sede da Empresa Biotech Máis Competitiva do pasado ano. 

Comentarios