O BNG pídelle a Pedro Sánchez "pasos firmes" para recuperar os bens "roubados" por Franco 

A nacionalista Ana Pontón co alcalde de Pontevedra Miguel Anxo Lores urante a homenaxe de Galiza Martir en memoria de Alexandre Bóveda. EFE (SALVADOR SAS)

No día da Galiza Mártir, o Bloque reclama a posta en marcha dunha 'Axenda Galega de Recuperación da Memoria Histórica' para acabar coa impunidade dos crimes do franquismo

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, criticou a "pasividade" de Pedro Sánchez desde a súa chegada ao Goberno  fai case 100 días e reclamoulle "que dea pasos firmes para que se devolvan os bens roubados durante o franquismo". 

Con motivo da súa presenza nos actos organizados polo Goberno local de Poio na Caeira, Pontevedra, no Día da Galiza Mártir, que recorda a data e o lugar onde o político galeguista Alexandre Bóveda foi fusilado, Ana Pontón sinalou que "non hai avance claro" para que o Pazo de Meirás, Casa Cornide e as estaturas do Pórtico da Gloria "sexan devoltas ao pobo galego, o seu lexítimo propietario". 

FAMILIA FRANCO. Neste sentido, destacou que debería ser "a familia Franco, que está a usurpar un ben público, quen estea ante os xulgados", no canto das 19 persoas que o próximo mes serán xulgadas por participar nun "acto reivindicativo e democrático", afirmou a dirixente nacionalista en alusión aos denunciados pola familia Franco e a Fundación Francisco Franco por despregar dúas pancartas no pazo de Meirás, o 30 de agosto de 2017. 

Precisamente, á homenaxe a Bóveda acudiron membros do colectivo '19 de Meirás' como Néstor Rego e Rubén Cela. 

AXENDA GALEGA. Ademais, o BNG reclamou a posta en marcha dunha 'Axenda Galega de Recuperación da Memoria Histórica' cuxo obxectivo sexa "pór punto final á impunidade dos crimes do franquismo, que se revisen e anulen xuízos sumarísimos" como o que se aplicou a Bóveda, e que o 17 de agosto sexa "declarado por lei Día da Galiza Mártir". 

Pontón advertiu que "as políticas do esquecemento levan á complicidade co franquismo". Fronte a isto, destacou o "compromiso" do seu partido por manter "viva a memoria, reclamar a reparación a todas as vítimas do franquismo" e que estas medidas sirvan para "ter unha democracia forte e real".