O porteiro dun pub de Oleiros, relacionado co brote nun ximnasio
O porteiro dun pub de Oleiros infectado por coronavirus está relacionado cun brote detectado este xoves nun ximnasio de Meicende, en Arteixo. Ata agora confirmáronse 18 casos positivos.
Algunhas informacións apuntan a que tamén acudía a esas instalacións un vixiante do centro cívico de Monte Alto, na Coruña, pechado tras coñecerse que este home era un dos infectados.
A Policía buscou este xoves durante unhas horas o porteiro do pub, ao crer que non se atopaba no seu domicilio na Coruña, onde tería que estar illado, segundo informaron a Efe fontes municipais.
Así as cousas, solicitouse a colaboración da Policía Local para comprobar que o home e as persoas que conviven con el estaban na súa vivenda. Unhas horas despois fontes da Consellería de Sanidade certificaron que estaba en casa.
Segundo indicou o afectado, no momento en que os axentes municipais foron a comprobar se estaba na vivenda non abriu a porta por "medo" ao estar só en casa. As persoas que conviven con el, que tamén foron buscadas, estaban nese momento realizándose a proba de coronavirus no covid-auto, segundo asegura a mesma fonte.
Desde o Sergas atribúen a procura policial a "un malentendido", xa que o home actuou "correctamente".