Catro de cada dez veloláser da DXT sitúanse nas vías galegas

Localización dos veloláser notificados por automobilistas que foron multados. SOCIALDRIVE
Na Coruña foron detectados cinco, os mesmos que en Pontevedra. En Ourense notificouse a presenza de catro, como en Lugo

O 40% dos radares veloláser detectados nos últimos meses polos condutores nas estradas españolas están situados en Galicia, segundo revela a revista Autopista en base a datos facilitados polos propios automobilistas a través da app SocialDrive. Así, dos 47 cinemómetros deste tipo —móbiles e de tamaño moi reducido para pasar desapercibidos— que foron notificados en toda España, 18 atópanse na comunidade.

A instalación destes dispositivos en vías convencionais dun carril en cada sentido non é casual, pois nelas concéntranse a maior parte dos accidentes con vítimas mortais, así como as infraccións máis flagrantes por exceso de velocidade.

A repartición destes pequenos e revolucionarios cinemómetros portátiles que se controlan por wifi ou teconoloxía 4G nas provincias galegas é uniforme. Sempre atendendo á información brindada polos automobilistas, na Coruña foron detectados cinco, os mesmos que en Pontevedra. En Ourense notificouse a presenza de catro, como en Lugo.

HORAS DE MÁS ACTIVIDADE. Abrindo o foco a todo o país, os usuarios de SocialDrive advirten de que foron multados especialmente en dous tramos horarios: entre as 10.00 e as 12.00 e entre as 17.00 e 19.00.

As características dos veloláser, cuxo uso en España comezou hai dous anos e medio, fan que sexan dificilmente identificables polos condutores salvo que reciban unha sanción onde se indica vía e punto quilométrico da infracción. Ademais, estes cinemómetros teñen capacidade para controlar dous carrís á vez.