Unha de cada tres familias galegas non pode ir de vacacións nin unha semana ao ano

Os galegos en risco de pobreza caen ao 18,7%, por baixo da media española

El 18,7% de los gallegos estaba en 2017 en riesgo de pobreza. EP
photo_camera O 18,7% dos galegos estaba en 2017 en risco de pobreza. EP

O 18,7% dos galegos estaba en 2017 en risco de pobreza (tendo en conta os ingresos de 2016), o que supón uns tres puntos por baixo da media española (21,6%), segundo os datos que publica este xoves o Instituto Nacional de Estadística (Ine). 

Este é un indicador relativo que mide a desigualdade, non a pobreza absoluta, senón cantas persoas teñen ingresos baixos en relación ao conxunto da poboación, explica o INE. 

Así, hai unha baixada nesta taxa en Galicia de tres décimas respecto ao 19% que supuña o ano anterior. Con todo, este ritmo de descenso é máis acusado o Estado, xa que descende sete décimas do 22,3% ao 21,6%. 

Esta é a segunda baixada consecutiva anual na taxa de risco de pobreza na Comunidade, tras a maior subida rexistrada en 2015, ao elevarse ata o 19,4% desde o 15,4% de 2014. 

Así mesmo, esta estatística revela que o 38% dos fogares galegos non podía permitirse unha semana de vacacións en 2017 (máis que a media española do 34,4%), o 23,7% non tiña capacidade de afrontar imprevistos (10 puntos menos que a media), o 6,2% tiña moita dificultade para chegar a fin de mes (tres puntos menos que a media) e o 3,7% atrasos nos pagos da súa vivenda (case catro puntos menos que a media).

RENDA. En 2017, o limiar de risco de pobreza para os fogares dunha persoa –calculado cos ingresos de 2016– situouse en 8.522 euros, un 3,8% máis que o estimado para o ano anterior. En fogares formados por dous adultos e dous menores de 14 anos, o limiar foi de 17.896 euros. 

Pola súa banda, a renda media por persoa subiu un 3% en Galicia ata 10.753 euros en 2017, o que supón uns 300 euros máis que os 10.439 do ano anterior. En España, hai un aumento do 3,4% ata 11.074 euros. 

En canto á renda media por fogar, subiu en Galicia un 2% ata alcanzar os 26.533 euros. No entanto, está uns 1.000 euros por baixo da media estatal 27.558. 

Comentarios