Cada mascota abandonada despois de Nadal custará 300 euros aos concellos

Cans nas instalacións da protectora Os Palleiros, de Pontevedra. DP

Libera informa de que o 30% dos animais que se compren como agasallo durante estas datas sufrirán procesos de abandono e, nalgúns casos, malos tratos activos

A Asociación Animalista Libera e a Fundación Franz Weber (FFW) estimaron que os abandonos de animais despois de Nadal suporán un custo de entre 300 e 400 euros aos concellos que se fagan cargo dos seus coidados. 

Para elaborar este estudo, apoiáronse en datos que indican que o 30% dos animais que se compren como agasallo durante estas datas sufrirán procesos de abandono e, nalgúns casos, malos tratos activos. 

As asociacións animalistas pediron que se aposte pola adopción e por traballar na redacción de ordenanzas municipais "que atallen o verdadeiro problema", que non é outro que "a cría e o comercio de animais como meros obxectos a consumir", segundo informaron Libera e Fundación Franz Weber nun comunicado. 

Nesta liña, pediron ás administracións, desde a Xunta ata os municipios, pasando polas deputacións, que se impliquen" para "combater de forma activa o abandono" e "romper coa sensación de impunidade", xa que moitos destes casos non son sancionados. 

No entanto, Libera e FFW destacaron que as políticas de funcionamento da convivencia e da adopción "están a funcionar", e sinalaron o caso do Concello da Coruña, no que a taxa de saídas de Centro de Acollida aumentou un 68% desde 2015.