Un camioneiro de Cambados falece nun accidente en Lleida

O arousán estaba parado co seu vehículo na beiravía da A-2 por unha avaría

Ambulancia do 061. ARQUIVO
photo_camera Ambulancia do 061. TOÑO PARGA (ARQUIVO)

Un veciño de Cambados perdía a vida na madrugada deste luns nun accidente de tráfico na A-2, á altura da localidade leridana de Ribeira d'Ondara.

 J.M.F. de 36 anos, estaba intentado arranxar unha avaría no seu camión, parado na beiravía, coa axuda doutro operario cando un terceiro vehículo os levou por diante ao dous.

Segundo o Servei Català do Trànsit (SCT) o accidente produciuse sobre as 04.38 horas do luns no quilómetro 530,2 da autovía, preto de Cervera, en sentido Barcelona.

O camión do cambadés estaba parado na beiravía, xa que se estaba avariado, e unha furgoneta de asistencia estaba a prestarlle axuda cando un segundo camión os levou por diante en circunstancias que aínda non se determinaron.

A consecuencia do accidente faleceron o transportista e o operario e o condutor do segundo camión resultou ferido de menor gravidade.