Casado promete en Santiago un Ministerio de Familia contra o "inverno demográfico"

Alberto Núñez Feijóo e Pablo Casado. LAVANDEIRA JR. (EFE)

O líder do PP e candidato á Presidencia do Goberno promete axudas en vivenda "", axudas "fiscais" e "axudas á conciliación"

O líder do PP e candidato á Presidencia do Goberno, Pablo Casado, prometeu este domingo crear un Ministerio de Familia se gaña as eleccións xerais o próximo 28 de abril, para que afronte o "inverno demográfico" que sofre España, o despoboamento e o "risco de sustentabilidade dos servizos sociais". Ademais, comprometeuse a impulsar un plan con axudas "á conciliación".

Así se pronunciou nunha comida mitin en Nemenzo, Santiago de Compostela, -ao que asistiron unhas mil persoas, segundo o partido- e no que tomou tamén a palabra o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. No acto estaban tamén a candidata do PP pola Coruña e responsable de Comunicación do PP, Marta González, e a candidata por Pontevedra ao Congreso, Ana Pastor.

Casado xustificou este novo Ministerio alegando que a familia é "o máis importante dunha sociedade" e explicou que se trata de axudar aos mozos para que se poidan emancipar e ter unha familia, e que as mulleres que "libremente" queiran ser nais conten con todo o apoio das institucións.

Ademais, o presidente do Partido Popular defendeu axudas en "vivenda", axudas "fiscais" e "axudas á conciliación", que é "moi importante". "Nós imos sacar adiante a regulación do teletraballo para acabar con ese presencialismo nos postos de traballo", resaltou.

EDUCACIÓN INFANTIL "PROGRESIVAMENTE" GRATUÍTA. Casado sinalou que o PP avogará tamén por que as empresas "sexan responsables" na conciliación "fomentando fiscalmente" as que aposten por permitir que pais e nais poidan conciliar. Tamén se comprometeu a impulsar a educación infantil de 0 a 3 anos "para que progresivamente sexa gratuíta e estea financiada polo sistema público".

No seu discurso, Casado pediu o voto para o PP porque Sánchez é "unha ameaza para España" e un "perigo público", xa que, segundo dixo, no Goberno "non só mandan independentistas e os proetarras de Bildu" senón tamén os "comunistas de Podemos". "Non queremos acabar como na época de Zapatero, queremos evitar volver ás páxinas máis negras da historia recente de España", proclamou.