Galicia reduce a 722 os casos activos de coronavirus e ten dous pacientes na Uci

O ministerio sitúa a comunidade entre as que non diagnosticaron ningunha nova infección no último día
Unha traballadora sanitaria recolle mostras para realizar a proba do coronavirus a posibles infectados no hospital Meixoeiro. SALVADOR SAS (EFE)
photo_camera Unha traballadora sanitaria recolle mostras para realizar a proba do coronavirus a posibles infectados no hospital Meixoeiro. SALVADOR SAS (EFE)

Galicia inicia esta semana con 722 casos activos de coronavirus, que son dez menos dos recollidos no balance divulgado o domingo. Os pacientes curados son xa 9.970, tras superar un virus que provocou 616 mortes.

Os datos actualizados este luns pola Consellería de Sanidade reflicten que, do total de pacientes positivos, dous permanecen en Uci —son dous menos que o domingo—, 32 noutras unidades de hospitalización —un menos— e 688 en seguimento domiciliario —sete menos que a xornada pasada—. Estas cifras complétanse coas divulgadas polo ministerio, que sitúa Galicia entre as comunidades que non diagnosticaron ningún caso novo no último día. En España sumáronse 71. 

Dos 722 casos activos na comunidade, 262 corresponden á área de Vigo —catro menos que os contabilizados 24 horas antes—; 162 á da Coruña —cinco menos—, 135 á de Santiago —os mesmos que o domingo—, 75 á de Ourense —sen cambios—, 40 á de Lugo —un menos—; 28 á de Pontevedra —como o día previo— e 20 á de Ferrol —igual—.

Do total de persoas infectadas actualmente, 36 son usuarios de residencias de maiores —tres menos que no anterior balance— e 34, traballadores dalgún deses centros. Así, actualmente son once os xeriátricos que teñen polo menos un positivo entre os seus usuarios, máis oito con só traballadores contaxiados, mentres que nos momentos de maior intensidade da pandemia superaron os 60.

O número de probas PCR realizadas ata agora, segundo os datos facilitados por Sanidade, ascenden a 143.580, fronte ás 142.755 contabilizadas este domingo. 

Comentarios