Catro xornadas abordarán as boas prácticas culturais nos territorios do Camiño
A Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) vai desenvolver en setembro a programación Boas Novas no Camiño, unha iniciativa divulgadora enmarcada no programa O Teu Xacobeo da Xunta que ten como obxectivo crear sinerxías e espazos de diálogo entre prácticas culturais galegas e proxectos de obxectivos similares que se desenvolven noutros países europeos, como Portugal, Francia, Dinamarca, Italia ou Reino Unido.
Participarán nos encontros expertos internacionais e galegos vinculados ao proxecto Banco de Boas Prácticas para a Xestión Cultural, desenvolvido pola AGPXC co apoio da Deputación da Coruña, e que reúne 100 proxectos culturais "inspiradores" cuxa transferencia pode axudar a mellorar e profesionalizar o sector cultural. O colectivo salienta que entenden a sustentabilidade dun xeito transversal, coidando en todas as súas propostas aspectos como igualdade, a diversidade, o territorio e as persoas que o habitan.
Participarán na iniciativa expertos do ámbito galego, estatal e internacional vinculados ao proxecto 'Banco de Boas Prácticas para a Xestión Cultural'
Ao longo de catro semanas desenvolveranse conferencias, seminarios, foros e xornadas formativas, arredor de diversos ámbitos de actuación. No eido artístico sera a través da música e as artes escénicas; en canto ao patrimonio material, tocaranse a arquitectura, a xeografía e a etnografía; e no ámbito do patrimonio inmaterial, a temática escollida sera a gastronomía.
As sesións desenvolveranse todos os venres do mes de setembro a partir das 17.00 horas. A primeira xornada será en Lugo, o día 3. A segunda celebrarase en Ribadavia o venres 10; a terceira, en Tui o día 17, e pecharase o ciclo en Betanzos o venres 24 de setembro.
As inscricións para participar de modo presencial poden realizarse a través do enderezo info@xestoresculutrais.gal.