Cazada dúas veces ebria ao volante con só dúas horas de diferenza no Salnés

Un control de alcoholemia da Garda Civil de Tráfico. AEP (ARQUIVO)

A muller enfróntase en vía administrativa a unha sanción económica de 700 euros e a perda de 8 puntos

Unha veciña do municipio pontevedrés de Sanxenxo acumulou esta mañá de sábado dúas denuncias consecutivas ao ser sorprendida pola Garda Civil, en dúas ocasións, conducindo o seu vehículo baixo os efectos de bebidas alcohólicas en tan só un intervalo de dúas horas. 

Os feitos sucederon sobre as 10.45 horas a mañá deste sábado, cando unha patrulla da Garda Civil de Pontevedra observou un vehículo que circulaba a gran velocidade á altura do quilómetro 5,5 da estrada PO-550, no municipio de Cambados. 

A condutora do vehículo, que incrementou aínda máis a velocidade ao decatarse da presenza do vehículo oficial, puido ser interceptada e, ao ser sometida á proba de alcol, deu resultado positivo, cunha taxa de 0,75 mg/l. 

Apenas dúas horas despois e a pesar de que se lle inmobilizase preventivamente o vehículo, foi sorprendida novamente cando circulaba co mesmo turismo pola estrada PO-504. Nesta ocasión volvéuselle a realizar a alcoholemia e mantivo un resultado positivo de 0,45 mg/l. 

A condutora foi denunciada novamente pola segunda alcoholemia positiva e por quebrantar a medida cautelar de inmovilización do vehículo, do que se tivo que facerse cargo outro condutor. 

Esta veciña de Noalla, de 35 anos de idade, enfróntase en vía administrativa a unha sanción económica de 700 euros e a perda de 8 puntos. 

Ademais, penalmente podería recibir unha condena de prisión de tres a seis meses e, en calquera caso, á privación do dereito de conducir vehículos a motor e ciclomotores dun ata catro anos.