Preto de 197.500 escolares galegos comezan as clases o 12 de setembro

A cifra de alumnos galegos de educación infantil, primaria e especial é un 0,6% inferior á do curso anterior 
 

Alumnos de primaria. AEP
photo_camera Alumnos de primaria. AEP

O mércores 12 de setembro comezarán en Galicia as clases nos ciclos de infantil, primaria e educación especial para 197.457 nenos e nenas, o que supón un 0,6% menos que no curso 2017/2018, segundo os datos provisionais facilitados pola Consellería de Cultura, pero que poderían ir mudando ao longo do curso. 

Nas áreas de educación infantil, o descenso será dun 1,4% con respecto ao ano anterior, ao comezar as clases un total de 59.545 alumnos. Por tipo de centros, nos públicos estudarán 41.579, nos concertados 16.651 e nos privados 1.315. 

Ademais, nesta etapa educativa o alumnado non nacionalizado español diminuíu un 4% con respecto ao anterior curso, pasando de 1.120 alumnos a 1.075. 

EDUCACIÓN PRIMARIA. En canto a Educación Primaria, as previsións que manexa a Consellería indican que 136.738 alumnos tamén comezarán o mércores as clases de educación primaria en Galicia, o que supón un descenso do 0,3%. 

En total o departamento educativo da Xunta xestiona 437 comedores, dos que 302 será de forma directa e 135 de forma indirecta

A maior parte estudarán en centros públicos —96.060 alumnos—, mentres que en privados concertados farano 37.914 e en centros privados non concertados serán 2.764. 

No caso da educación primaria o número de alumnos sen nacionalidade española, a diferenza respecto do ano anterior é un 12,3 % menos, con 2.992 alumnos este curso fronte aos 3.413 alumnos de 2017/2018. 

No que respecta á educación especial, o número estimado de matriculados para este curso é de 1.174, 94 alumnos máis que en 2017/18. Por tipo de centros, serán 456 alumnos en centros públicos e 718 alumnos en privados con concerto. 

Os centros que desde o 12 de setembro impartirán ensinos de educación infantil e primaria e educación especial quedan distribuídos de forma que en educación infantil serán 124, en primaria e infantil 634, en primaria e ESO 166 e de educación especial 35, ata un total de 959. 

No que se refire ao profesorado, a falta da contratación das pertinentes contratacións de interinos e substitutos, indican que o conxunto do sistema educativo contará con 30.149 docentes.

SERVIZOS COMPLEMENTARIOS. O mesmo día do inicio do curso escolar empezarán a funcionar os servizos de transporte e os de comedor xestionados pola Consellería, que puntualiza que serán precisas "as modificacións oportunas que se realizan anualmente para a súa axuste ás necesidades actuais". 

Deste xeito, a Xunta indica que, "a falta de que se pechen as últimas autorizacións, o número estimado de prazas de comedor escolar será de 75.699", das que 14.449 serían xestionadas por ANPAS ou Concellos, existindo tamén axudas ou convenios de colaboración da Consellería neste concepto para ambas as entidades. 

En total o departamento educativo da Xunta xestiona 437 comedores, dos que 302 será de forma directa e 135 de forma indirecta, —a través de empresas que serven menús, "con todos os estándares de calidade garantidos"—. 

Pola súa banda, as ANPAS son responsables de 131 comedores e os Concellos de 50. Desde a Consellería recórdase que se subvencionan os menús de máis de 4.000 comensais en 50 centrosescolares dos Concellos de Ames, Betanzos, Cangas, Ferrol, Gondomar, Manzaneda, Meaño, Mugardos, Muíños, Lugo, Oroso, Ponteareas, Santiago de Compostela e Sarria. 

Así, a Consellería facilita subvencionar o servizo de comedor escolar a 494 alumnos de centros de educación especial non públicos a través de convenios con 13 entidades. 

No que respecta ao transporte, prestarase o servizo —segundo as estimacións provisionais— a 90.001 de 765 centros públicos. 

Ademais, darase cobertura de transporte a 301 alumnos de centros de educación especial que non son públicos a través de convenios cunha ducia de entidades. 

A Xunta valora así que "Galicia volve ser a primeira comunidade do Estado no referido ao volume que representa este servizo educativo complementario". 

Comentarios