Cerceda, sen liberdade horaria para os paseos por tan só dous habitantes

Meirama, en Cerceda. ARQUIVO
Vedra, Castro de Rei ou Ribadavia tamén superan o limiar dos 5.000 habitantes por moi pouco

O municipio coruñés de Cerceda é o máximo expoñente da delgada liña que separa a liberdade de horarios para pasear desde este sábado e a imposición das franxas establecidas polo Goberno para a poboación en función da súa idade.

O limiar estipulouse nos 5.000 habitantes. é dicir, se o seu municipio ten 4.999 poderá saír a pasear a calquera hora do día e se ten 5.000 terá que cinguirse á orde publicada este venres no Boe.

O padrón, a 1 de xaneiro de 2019, fixa en 5.001 os habitantes de Cerceda, que por só dous veciños caeron ao lado dos municipios con máis restricións. Hai máis casos similares en Galicia, aínda que non tan axustados como o de Cerceda. No municipio ourensán de Ribadavia, por exemplo, contabilízanse 5.024 habitantes. E nos lucenses de Castro de Rei e Outeiro de Rei a poboación é de 5.052 e 5.151 veciños respectivamente. A pregunta é: ten sentido esta restrición en municipios coa poboación dispersa en numerosos núcleos?

En Pontevedra, o municipio que quedou máis preto da liberdade de horarios é Ribadumia, con 5.052, seguido de A Cañiza, con 5.180. En Vedra (A Coruña) o censo é de 5.036.