Cerna pide a disolución dos partidos que conforman En Marea

A deputada Paula Vázquez Verao propón a desaparición da súa propia formación para evitar intereses enfrontados

Paula Vázquez Verao. AEP
photo_camera Paula Vázquez Verao. AEP

A portavoz de Cerna e deputada de En Marea, Paula Vázquez Verao, defendeu este venres a "disolución" dos partidos que conforman En Marea, ao entender que o problema principal da unidade popular en Galicia son as "cúpulas partidarias" que unicamente defenden intereses de parte.

Nunha rolda de prensa, acompañada por membros da comisión de coordinación desta organización política como Mario López Rico ou Consolo Martínez, insistiu na necesidade de disolver as organizacións como Podemos Galicia, Esquerda Unida, Anova ou a propia Cerna porque se converteron máis nun problema que nunha axuda".

Os partidos de En Marea son motores auxiliares que agora non son necesarios

Sinalou que, en base aos acordos rubricados na Asemblea fundacional de Vigo de xullo de 2016 acordouse que En Marea sería unha plataforma de adscrición individual, polo que as formacións unicamente deberían ser motores auxiliares que agora, case dous anos despois, non son necesarios.

"Comprometémonos/Comprometémosnos a ser motores para iniciar o camiño, pero só para o inicio", remarcou Vázquez Verao que considera que neste tempo os partidos demostraron moitas veces que "estorban".

"En Marea soberana implica deixar fose as cúpulas partidarias" e o consecuente "apagamento dos motores auxiliares" que supuñan as formacións políticas nun momento no que as decisións corresponden só "aos inscritos", abundou.

O prioritario é "remar na mesma dirección"

Neste sentido, reiterou que "hai que deixar xa os intereses de parte que existisen e pasar a explicitar sen reservas nin medos a unidade popular cidadá", de forma que se estableza unha relación "respectuosa" coas mareas locais para que ningunha persoa senta excluída e póidase remar "na mesma dirección".

Segundo Vázquez Verao esta non é unha petición só de Cerna senón que é a demanda básica dos inscritos de En Marea que ven un problema en que cada organización defenda os seus propios intereses en lugar de impulsar medidas cara a obxectivos comúns.

Conscientes das reticencias que haberá para iso, Vázquez Verao reiterou que a disolución das formacións é unha necesidade e considerou que aínda que pareza imposible, tamén parecía que nas eleccións de setembro de 2016 as formacións acabasen cedendo para presentarse como un partido instrumental e non como coalición e así foi.

"Consideramos que quizá é posible, aínda que se hai receos por nós non vai quedar", dixo.
A este respecto, López Rico apuntou que desde Cerna están "dispostos" a levar esta disolución a cabo se así o deciden os outros partidos, xa que a súa foi unha organización que se puxo a disposición de En Marea "desde o primeiro momento".

A este apuntamento sumouse Consolo Martínez que subliñou que, a diferenza doutros partidos, Cerna "nunca" pretendeu competir con En Marea en ningún proceso electoral.

Comentarios