Charlín chama enfurecido a Ana Rosa: "A única vítima son eu, hostia"

O patriarca do clan chamou ao programa despois de que fose entrevistada a veciña de Vilanova que o denunciou por agresións

Charlín entra en directo en El Programa de Ana Rosa. TELECINCO
photo_camera Charlín entra en directo no Programa de Ana Rosa. TELECINCO

Enfurecido. Así entrou en directo en El Programa de Ana Rosa Manuel Charlín, despois de que o espazo entrevistase á muller de Vilanova que o denunciou por agresións.

O patriarca do clan asegura que "a única vítima que hai" é el. "Leva tres anos nun piso sen pagar un céntimo, nin luz, nin auga, hostia", dixo con vehemencia Charlín sobre a súa inquilina.  "Eu son unha persoa respectuosa, pero ao que non me respecta a min pásomo polo forro dos ovos", engadiu. 

O relato da denunciante é moi diferente. "Empuxou á miña nena de tres anos, lanzoume un azulexo á cabeza e golpeoume no brazo cun alicate". Estas son as palabras da veciña de Vilanova de Arousa que denunciou unha agresión de Manuel Charlín e pediu unha orde de afastamento que o xulgado de Vilagarcía denegou.

A muller que denunciou unha agresión de Manuel Charlín. TVG

Esta muller, propietaria de dous vehículos que apareceron calcinados hai uns días, explicou este xoves en El Programa de Ana Rosa o seu enfrontamento co patriarca do clan.

Segundo denuncia, a súa familia vive nun piso que lle alugaron os charlines, aínda que cando entraron a vivir nel non sabían que a vivenda pertencía ao clan. O xerme do problema sitúase no momento en que decidiron pedirlle ao propietario un contrato legal, algo ao que se negaron.

Os inquilinos presentaron varias denuncias contra os propietarios por presuntas ameazas e cortes de servizos cos que, ao parecer, intentaban provocar o seu desaloxo. E agora enquistouse o conflito. "Agora non podemos subir á rúa practicamente. Así non podemos vivir", di a muller, que lamenta que o xulgado non estea "polo labor de protexernos".

Comentarios