Varias frontes deixarán choivas en Galicia durante a ponte do Pilar

Un neno protéxese da choiva baixo un paraugas. VILLAR LÓPEZ (EFE)

As precipitacións darán unha tregua o venres para volver, de forma xeneralizada, a fin de semana

Logo de tres semanas de outono marcadas pola seca e o tempo asollado, as choivas chegarán a Galicia o xoves para quedar durante a ponte do Pilar.

Os ceos empezarán a nublarse polo litoral oeste a última hora do mércores, para empezar a xornada do llueves con precipitacións xa en toda a comunidade. Espérase que as choivas sexan especialmente intensas na provincia de Pontevedra e o sur da Coruña, segundo indica Meteogalicia. 

A borrasca deixará auga durante a mañá do xoves, que incluso pode chegar acompañada de aparello eléctrico. Con todo, as choivas remitirán co avance da xornada para quedar, pola tarde, os ceos parcialmente despexados. 

O venres, Día da Hispanidade, Galicia estará nunha situación de transición, coa chegada dunha fronte nas últimas horas do día. Segundo a previsión de Meteogalicia, os ceos presentarán nubes altas en xeral, algo máis compactas no oeste da provincia da Coruña, onde non se descartan precipitacións.

As choivas que serán máis abundantes o sábado e o domingo por mor dunha borrasca localizada no oeste de Irlanda. 

A estabilidade aumentará a partir do domingo, polo que se espera que a próxima semana empece cunha situación intermedia, entre altas e baixas presións. 

TEMPERATURAS ESTABLES. En canto ás temperaturas, non se prevén grandes cambios durante a ponte. Así, as mínimas manteranse entre os 10 graos de Lugo e os 15 de Pontevedra, mientra que as máximas experimentarán un lixeiro ascenso o xoves (ata os 25 graos en Ourense) e volverán descender a fin de semana para situarse ao redor dos 18 graos.

TORMENTA LESLIE. O ciclón Leslie leva semanas dando voltas polo atlántico sen un rumbo claro. Aínda que se temeu que a tormenta puidese aproximarse, causando a primeira cicloxénese do Outono, Meteogalicia asegura que Galicia quedará fóra do seu radio de acción.