Choivas e tormentas antes do bo tempo que pechará agosto

Un grupo de persoas refréscanse nas termas da Chavasqueira, en Ourense. BRAIS LORENZO (EFE)

A entrada de aire frío na atmosfera dará lugar á formación nebulosidade este martes

Logo dun luns de temperaturas elevadas en gran parte de Galicia, superando incluso os 35 graos no sur da comunidade, este martes cambia o tempo. A entrada de aire frío nas capas máis altas da atmosfera dará lugar á formación de nebulosidade e tormentas que poden chegar a ser fortes ou estar acompañadas de saraiba.

A inestabilidade empezará a notarse nas zonas de interior e sueste do territorio galego e estenderase por toda a comunidade a partir do mediodía, segundo a previsión de Meteogalicia.

As temperaturas mínimas terán ascensos entre lixeiros e moderados, mentres que as máximas baixarán lixeiramente na metade sur da comunidade e quedarán sen cambios no norte. Así, espérase que se alcancen uns valores máximos de 33 e 30 graos en Ourense e Lugo, respectivamente, mentres que os termómetos non superarán os 27 graos en Ferrol e Santiago, os 26 en Vigo e Pontevedra e os 23 na Coruña. As mínimas oscilarán entre os 13 graos da cidade amurallada e os 20 da Coruña e Vigo.

A inestabilidade manterase nas primeiras horas do mércores, cando non se descarta a posibilidade de tormentas fortes, segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet).

A situación cambiará a partir do xoves, xa que se prevé que remita a nebulosidade e aumenten as temperaturas máximas, superando ou roldando os 30 graos en Ourense, Vigo e Pontevedra. Iso si, as noites serán bastante máis frías que nas xornadas pasados e os mercurios poden descender ata os 11 graos en Lugo.

Para o venres e os primeiros días de setembro espérase que se manteña o bo tempo na comunidade, con sol e temperaturas propias desta época do ano.