Ciudadanos quere prohibir que saber galego sexa un requisito nas oposicións

Albert Rivera, líder de Cidadáns. JAVIER LIZÓN (EFE)

Pide no Congreso aplicar unha "cláusula antidiscriminación" para os aspirantes de fóra de Galicia, Cataluña e País Vasco

O grupo parlamentario de Ciudadanos rexistrará a próxima semana no Congreso dos Deputados unha proposición de lei para prohibir que o coñecemento das linguas cooficiais sexa un "requisito" para o acceso á función pública e que só se poida contemplar como "mérito" nas comunidades que teñen dúas linguas, como o caso de Galicia, e para ocupar determinados postos.

Así o anunciou este venres na Cámara Baixa o secretario xeral do partido laranxa, José Manuel Villegas, quen defendeu que é necesario introducir na lexislación unha "cláusula antidiscriminación " porque o descoñecemento do galego, o catalán ou o eúscaro non pode ser "unha barreira para o acceso á función pública".

En concreto, o que expoñen os de Albert Rivera é unha modificación do artigo 56 do Estatuto Básico do Empregado Público para prohibir que o coñecemento dunha lingua se considere "requisito". Desta forma, aclarou Villegas, desenvólvese tamén o artigo 25 da Constitución que consagra o dereito de todos os españois a acceder en condicións de igualdade ás funcións e cargos públicos.

E é que segundo a proposta de Ciudadanos, o coñecemento das linguas cooficiais deberá contemplarse só como "un mérito a valorar" pero en ningún caso unha condición obrigatoria. O "peso" que terá saber catalán, galego ou eúscaro na puntuación final dos aspirantes a un emprego público dependerá das características do mesmo, engade Cs.

MÉRITO SEGUNDO O POSTO. Villegas puxo dous exemplos para explicar o obxectivo da súa iniciativa. No caso de alguén que opte a un posto de profesor de catalán ou que imparta as clases nese idioma, o coñecemento da lingua terá máis peso que se oposita para unha praza de cirurxián. Tamén terá máis puntos se coñece o idioma da comunidade na que concursa alguén que traballe de cara ao público que quen realice o seu labor nun arquivo.

"Trátase de que o coñecemento da lingua non sexa unha barreira de entrada para garantir a igualdade e que conte só como un mérito e cun peso proporcional ás necesidades de cada territorio e do posto de traballo", dixo.

Villegas quixo deixar claro que Cidadáns impulsa esta reforma "desde o recoñecemento da pluralidade lingüística de España e do coidado e a promoción das linguas cooficiais", pero tamén "desde o recoñecemento da existencia dunha lingua común".