miércoles. 25.11.2020 |
El tiempo
miércoles. 25.11.2020
El tiempo

O cocido nunca falla en Lalín

Sonsoles Ónega, cunha cachucha na Feira do Cocido. Óscar CURRAL
Sonsoles Ónega, cunha cachucha na Feira do Cocido. Óscar CURRAL
Do desfile á degustación do produto estrela e de Benedicta Sánchez a Martínez-Almeida. Lalín goza do día grande do Cocido

Lalín viviu este domingo o día grande da LII edición da Feira do Cocido, a primeira que se celebra desde a súa declaración como Festa de Interese Turístico Internacional, sendo o primeiro evento gastronómico en recibir esta distinción en España.

“A Feira do Cocido de Lalín é a feira gastronómica máis importante do mundo”, asegurou durante o seu pregón a xornalista Sonsoles Ónega, quen engadiu que "o porco de Lalín é un país enteiro, o mellor país enteiro, o país coa mellor receita contra a desigualdade".

Neste sentido, Ónega incidiu en que o cocido é "de ricos e de pobres, o que agora se chama transversal", ironizou con que "non hai mellor pacto" que o dos seus ingredientes e con que "non ten oposición, é un cocido de unanimidade", tras o que chanceou dicindo que "habería que enviar un cocido ao Congreso antes de cada sesión de control".

"Outro cocido enviaríallo a Zarzuela antes de que o rei presida o Consello de Ministros, no que quen sabe se vai necesitar temperar gaitas, e un terceiro cocido na illa de Supervivientes", concluíu Ónega, cuxa reivindicación dun prezo xusto para os agricultores e gandeiros recibiu unha ovación dos asistentes ao pregón.

Ademais da estrea do seu título de Festa de Interese Turístico Internacional, esta edición tamén trouxo consigo a recuperación do Capítulo Xeral da Encomenda do Cocido, no que foron nomeados sete comendadores, entre os que destacan a propia pregoeira; o alcalde de Madrid, José Luís Martínez-Almeida; Benedicta Sánchez, Goya á mellor actriz revelación, e o líder de Los Suaves, José Manuel Domínguez Yosi.

No acto, encabezado pola o presidente da Xunta de Galicia Alberto Núñez Feijóo, os comendadores comprometéronse -xurando ou prometendo- a defender e difundir o bo nome do cocido de Lalín alá onde vaian, así como a degustar este prato polo menos unha vez ao ano e, se é posible, en compañía doutros comendadores.

En lugar de comprometerse a comer cocido unha vez ao ano, a actriz Benedicta Sánchez, vexetariana desde os 17 anos, comprometeuse a axudar “a potenciar os magníficos produtos agrícolas da nosa terra", tras o que concluíu cun emocionado “amo Galicia, non podería ser doutra forma”.

"Para min, por encima do cocido madrileño está o galego e, o que queira comer un bo cocido que veña a Lalín; esa é a miña realidade", expresou Sánchez antes de ser nomeada comendadora.
Non comparte a súa opinión o alcalde de Madrid, Martínez-Almeida, quen entende que "o cocido madrileño de Lalín e o madrileño son perfectamente compatibles", polo que negou calquera posible "conflito de intereses" e propuxo deixar "o cocido madrileño para os días pares e o de Lalín para os días impares".

"Fíxenme alcalde de Madrid porque era o camiño máis rápido para ser comendador deste cocido", concluíu "medio de broma medio en serio" o rexedor madrileño.

Pola súa banda, o líder de Los Suaves destacou o "orgullo" que supón ser comendador dun cocido "que degustaron na Última Cea", aínda que expresou a súa desconformidade coa obrigación para comer cocido unha vez ao ano, tendo en conta que “parece pouco”.

A nómina de comendadores pechárona o historiador e cronista Daniel González Alén; o catedrático en Nutrición Gregorio Varela, e a xornalista e comunicadora lalinense Amelia Ferreiroa.

Un entretido desfile antes da degustación do cocido
Esta LII Feira do Cocido de Lalín contou coa presenza de boa parte dos membros do Executivo galego, así como do presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices.

Unha vez finalizado o acto de nomeamento dos comendadores e o pregón, a feira continuou co tradicional desfile de carrozas, que tivo como novidade a incorporación de representantes de cinco entroidos tradicionais de Galicia.

Deste xeito, o Fulión de Mormelentos de Vilariño de Conso, os Felos de Maceda, os Villaróns de Riós, o Entroido de Samede de Paderne e o Entroido de Cores de Vilanova, percorreron as rúas da localidade antes de dar paso ao momento estrela do día, coa hora da comida e a consecuente degustación do cocido.

O cocido nunca falla en Lalín
comentarios