Colapsan o campus virtual da USC para denunciar que faltan recursos para os exames
A protesta do alumnado da Universidade de Santiago de Compostela pola xestión da crise sanitaria e do final do curso materializouse este martes a través do campus virtual da institución académica.
O obxectivo da convocatoria era evidenciar as carencias tecnolóxicas da institución académica para soportar a carga de tanto alumnado conectado ao mesmo tempo, e a preocupación polas avaliacións finais que se realizarán de forma telemática.
De feito, algún destes estudantes denunciou os problemas rexistrados o pasado venres durante un exame telemático, no que todos os alumnos perderon a conexión mentres realizaban a proba dunha única materia.
PROBAS DE ESTRÉS. A USC, pola súa banda, asegura que os servizos técnicos se atopaban traballando en tarefas orientadas en fortalecer o sistema, que "xa funciona correctamente", o que suscitou as queixas dos usuarios e participantes na protesta.
Posteriormente, tamén no seu perfil de Twitter, a institución informaba de que se trataba de probas de tensións ao sistema que foran solicitadas desde a CRUE-TIC, que se executaron a esa hora aproveitando "o ataque bot por parte dun colectivo do alumnado" como "unha boa oportunidade de análise".
"De modo consciente, non se estableceron cortafuegos previos", indican, o que levou a que parte dos usuarios non tivesen acceso durante uns minutos. "Sistema asegurado, mellorado e listo para o funcionamento masivo", conclúen na súa mensaxe.
O alumnado, con todo, non está convencido coas explicacións achegadas, sobre todo despois de que a protesta chegase a ser trending topic nacional co lema #AsiNonUSC.