Condenado un cangués por pegarlle á súa muller por non deixarlle facer un trío co gigoló que lle regalou
A Audiencia Provincial de Pontevedra confirmou a condena de seis meses de cárcere para un veciño de Cangas que lle deu un puñada á súa muller por impedirlle sumarse e facer un trío co gigoló que lle regalou.
Os feitos ocorreron na noite de Reis de 2017. Este cangués, orixinario de Perú, contratou a un gigoló vigués para satisfacer á súa entón esposa, duns 50 anos de idade, que naqueles momentos xa estaba en trámites de separación.
A muller, o seu marido e o gigoló acabaron facendo unha festa nun hotel de Cangas que finalizou a golpes e coa intervención da Garda Civil despois de que o porteiro de noite do establecemento alertase do ruído que proviña da habitación. E é que, tras consumir bebidas alcohólicas, o home tratou de unirse á relación e manter un trío. Ante a negativa da súa muller, foi cando o condenado lle propinou unha puñada e se iniciou unha disputa.
No xuízo, celebrado en xuño de 2018, xulgouse ao cangués por un delito de lesións. A muller tamén denunciara ao seu marido e ao gigoló por abuso sexual, aínda que esta causa quedara arquivada ao considerarse que as relacións foron consentidas.
Ademais de seis meses de cárcere, a sentenza impide ao condenado achegarse a menos de 200 metros da muller durante 18 meses.