Un condutor 'rompe' o etilómetro e di que "viña de coller auga fresquiña"
05 de junio de 2019 (16:59 h.)
Os axentes da Garda Civil tiveron que chamar a un vehículo especializado para medir a taxa de alcol, que superaba os límites de medida do dispositivo habitual
O infractor, multirreincidente, foi parado á altura do quilómetro 08,500 da estrada AC-223, no concello de Mesía. Segundo indica a Benemérita nun comunicado, o home dixo aos gardas civís "que viña da fonte de coller auga fresquita".
Ao realizarlle a proba, foilles imposible determinar a taxa de alcol, xa que superaba os máximos que recolle o dispositivo de aproximación que utilizan as patrullas de estrada. Así, solicitaron a presenza dun vehículo dotado de etilómetro de precisión para a súa realización.
O individuo xa fora sorprendido en xullo de 2018 e xaneiro de 2019 conducindo cunha taxa de alcol superior á permitida. O instituto armado considera que ten un problema de adicción ao alcol, polo que o propuxo para unha revisión psicofísica extraordinaria.