O Consello Galego de Veterinarios pide unha moción de censura contra a presidenta do Colexio de Lugo

Acusan a Ana María López Pombo, viceportavoz do PP na capital lucense, de realizar un "uso partidista" da entidade 
 

Ana María López Pombo. AEP
photo_camera Ana María López Pombo. AEP

O Consello Galego de Veterinarios reclamou a convocatoria dunha asemblea para debater a continuidade no cargo da presidenta do Colexio de Veterinarios de Lugo, Ana María López Pombo, á que acusan de realizar un "uso partidista" da entidade ao simultanear a Presidencia do colexio coa viceportavocía do PP de Lugo. 

Así, o Consello, máximo órgano de decisión da profesión veterinaria en Galicia e que aglutina aos catro colexios provinciais, remitiu un escrito á propia López Pombo na que insta a convocar unha asemblea extraordinaria "na que os colexiados poidan votar e decidir a continuidade da actual Xunta Directiva". 

O pasado mes de outubro, 169 colexiados en activo presentaron no Colexio Provincial solicitudes para a celebración da asemblea de moción de censura, pero a presidenta non admitiu estas firmas e emprazou aos solicitantes a realizar as súas peticións en persoa ou validar as súas firmas ante notario. 

O detonante do conflito, que dividiu en dous o Colexio Veterinario de Lugo, partiu do envío desde o correo electrónico oficial da entidade dunha carta na que a presidenta, Ana López Pombo, invitaba os colexiados a participar nun acto que organizaba o PP, formación da que é viceportavoz municipal e cuxo membrete figuraba na misiva enviada aos socios. 

Ante a non admisión das firmas que reclamaban a convocatoria dunha asemblea extraordinaria, o grupo de críticos con López Pombo presentou un recurso ante o Consello Galego que, na súa resolución, ditamina que as signaturas deberon ser aceptadas porque entende que a presidenta impuxo "un criterio arbitrario e carente de ningunha base legal". 

Comentarios