Polémica pola devolución das entradas do Maestral Music Festival
A cancelación do Maestral Music Festival deixou por centos de persoas coa entrada na man e sen posibilidade de ver ao seu artista favorito. E agora a incerteza se cerne sobre o público afectado por esta cancelación, xa que aínda non saben cando poderán recuperar o diñeiro investido nas entradas
Ataquilla dera de prazo ata este mércores á organización para devolver o diñeiro dos tickets e así poder esta plataforma proceder ao reembolso deste importe.
Ata o momento a empresa responsable do festival aínda non fixo efectiva esta devolución e tampouco se pronunciou sobre este tema desde a emisión do comunicado para avisar da cancelación do Maestral.
Cabe recordar que esta non é a única débeda pendente da organización do festival, xa que tamén está pendente o pago aos provedores, que ascende a case 600.000 euros.
OPINIÓNS POLÍTICAS. O PSOE e o BNG de Sanxenxo xa se pronunciaron respecto diso e instan o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, a dar as explicacións necesarias con respecto ao festival e á súa cancelación.
A pesar de que a organización do evento recaeu sobre unha empresa privada desde o PSOE de Sanxenxo, a edil Ainhoa Fervenza afirma que "o Concello si é responsable de velar polo cumprimento das obrigacións da empresa beneficiaria", ao que engade que "creo que o mínimo que debe facer é dar aos cidadáns e cidadás unha explicación e esixir unha indemnización polo irreparable dano causado á marca Sanxenxo".
Pola súa banda, a edil do BNG de Sanxenxo, Sandra Fernández Agraso, afirma que "cando as cousas veñen mal dadas Telmo Martín desaparece do escenario, apaga os focos e agóchase para non dar a cara". Ademais, a nacionalista tamén sentencia que "deixa en evidencia as prioridades de Telmo Martín, cara onde quere levar Sanxenxo no sector turístico. Agora tócalle dar a cara e asumir o fracaso absoluto do seu modelo cultural".
Puntos físicos
No comunicado de cancelación do evento a organización asegura que Ataquilla será a encargada de reintegrar de forma centralizada o importe de todas as entradas e que en ningún caso a devolución poderá ser xestionada a través do punto físico de venda situado en Sanxenxo. O que non deixa claro o procedemento a seguir para os que non adquiriron as entradas online.