O BNG avisa de que non negocia "a tres bandas" a posible moción de censura na Deputación de Lugo

Di que as conversacións serán sempre entre partidos —BNG e PSdeG—, nunca co alcalde de Becerreá, Manuel Martínez, como un actor independente, a pesar de que o acordo con el sería indispensable

Un dos dous deputados provinciais do BNG, José Ferreiro, confirmou que as negociacións cos socialistas para presentar unha moción de censura que lles permita recuperar o poder na Deputación de Lugo "están como estaban", á vez que advertiu de que os nacionalistas non participarán en ningunha conversación "a tres bandas".

Ferreiro veu así a dicir que as negociacións serán sempre entre partidos, entre o BNG e o PSdeG, pero nunca co alcalde de Becerreá, Manuel Martínez, como un actor independente nesas conversacións, a pesar de que o acordo con el é indispensable para poder formular esa moción de censura.

"Se temos algo que falar é co PSOE", dixo Ferreiro, quen insistiu en que "de conversacións a tres bandas, nada de nada".

Por iso espera que se esas "hipotéticas reunións" chegan a producirse, o PSdeG resolva "os seus problemas internos".

Comentarios