Só dúas cidades gañan poboación nunha Galicia que a segue perdendo

Pontevedra e Vigo son as única urbe galega sumaron censo, mentres a comunidade se deixou 12.570 habitantes en 2015

Galicia tiña a 1 de xaneiro de 2015 os 2.734.656 habitantes, o que supón un descenso de 12.570 persoas con respecto ao ano anterior, segundo as cifras poboacionais de referencia que publica este luns o Instituto Galego de Estatística (Ige).

Tan só tres comarcas gañaron poboación con respecto a 2014: Pontevedra, A Coruña e Santiago. Na primeira, a variación interanual foi do 0,16%, con 195 habitantes máis, ata 122.699. Mentres, na comarca da Coruña, o aumento foi do 0,12%, ao sumar 461 persoas, ata 394.047. Na comarca compostelá, rexistrouse un incremento poboacional do 0,10%, ou o que é o mesmo, de 160 habitantes, ata 165.793.

CIDADES. Pola súa banda, os sete grandes concellos galegos presentaron desigual comportamento na súa evolución anual. Mentres Pontevedra e Vigo gañan poboación con respecto ao ano anterior, Ferrol, Ourense, Lugo, Santiago e A Coruña pérdena. Así, Pontevedra creceu en 144 habitantes, un 0,18%, ata 80.649; e Vigo en 227, un 0,08%, ata 288.273.

Ao lado dos descensos, o maior correspondeuse con Ferrol, do 0,85%, ata 68.673 persoas; seguida de Ourense, onde a poboación se reduciu un 0,43%, ata 104.000. No resto, Lugo, Santiago e A Coruña, os habitantes diminuíron un 0,17%, un 0,11% e un 0,03%, respectivamente, ata 96.969, 95.988 e 241.135.


En concreto, a poboación galega distribúese entre 1.412.641 mulleres e 1.322.014 homes. Por provincias, A Coruña e Pontevedra, con 1.128.694 e 948.302 habitantes, respectivamente, concentran máis do 75% do total. En Lugo viven 338.921 persoas e en Ourense 318.739.

DATOS DO INE. O 21 de abril de 2015, o Instituto Nacional de Estadística (Ine) deu a coñecer os datos do padrón continuo, que reflectiron unha caída en 17.289 habitantes nun ano na comunidade galega a 1 de xaneiro, cun total de 2.731.406, o que representaba unha baixada do 0,6%. Con esta porcentaxe de descenso, no mesmo período, Galicia era a oitava comunidade española que perdeu máis poboación en termos relativos.

Comentarios