A Xunta aspira a reducir máis dun 8% os incendios

O Executivo galego mantén un operativo composto por unhas 7.000 persoas, así como por uns 30 medios aéreos e 360 motobombas
El vicepresidente de la Xunta y presidente del PP en Pontevedra, Alfonso Rueda, durante una rueda de prensa
photo_camera El vicepresidente de la Xunta y presidente del PP en Pontevedra, Alfonso Rueda, durante una rueda de prensa

O Goberno galego marcouse o obxectivo de reducir este ano máis dun 8% os lumes de consideración na comunidade cun operativo que "mantén no esencial" e que estará composto por unhas 7.000 persoas, segundo recolle o Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais en Galicia (Pladiga) analizado este xoves no Consello da Xunta. 

Fontes da Consellería do Medio Rural confirmaron esta cifra que incorpora o Pladiga, do que informou ao termo da reunión semanal do Executivo, aínda que sen concretar o dato, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, en substitución do presidente, Alberto Núñez Feijóo, de viaxe oficial en Cuba.


O operativo mantense "no esencial" e amplíase a tres anos a duración dos convenios coas entidades locais


O operativo contra incendios forestais da campaña de alto risco en Galicia xa foi presentado a finais de abril no Consello Forestal, no que se expuxo que estará composto este verán de novo por 5.767 efectivos da Xunta, as mesmas persoas que en 2015, que se reforzarán con persoal do Ministerio, o Exército e dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado, ata completar un operativo dunhas 7.000 persoas. 

Tamén se manteñen os medios materiais, uns 30 aéreos e 360 motobombas, e amplíase a tres anos a duración dos convenios entre a Consellería de Medio Rural e as entidades locais, co fin de dar unha maior estabilidade. Esa ampliación é unha das "principais novidades", pero tamén está previsto aprobar o regulamento da figura de defensa contra os incendios forestais.

O obxectivo, destacou Rueda, é "evitar os incendios, na medida do posible" e "reducir ao máximo os danos que haxa". O plan incide na posta en marcha dun novo sistema de comunicacións, integrado na rede Tetra, e dun novo programa informático "para a xestión integral dos incendios en tempo real". 

OUTROS ASUNTOS. O Consello da Xunta deu o visto e prace, ademais, á repartición de 27 millóns na área industrial, como anunciou o mércores Núñez Feijóo no Parlamento, así como á contratación de ata 300 investigadores no Programa Principia, co obxectivo de "captar e reter o talento" en Galicia, cunha partida de 3 millóns de euros. Estes investigadores terán un máximo de 35 anos e un mínimo dun ano de experiencia laboral e quen os contrate deberá ofrecerlles un mínimo de 24.000 euros brutos, dos que a Xunta porá ata 10.000 euros. Os contratos deberán estar asinados antes do 1 de decembro deste ano.

En canto aos 27 millóns que a Xunta achegará ao tecido produtivo, procedentes dos recursos "adicionais" por xestionar "con sentidiño" as contas públicas nos últimos anos, Rueda repetiu que 20 millóns dedicaranse a préstamos e avais para dotar de capital a proxectos viables que o necesiten, mentres que outros 7 millóns financiarán a contratación de ata 700 persoas no medio rural. Cos 20 millóns destinados a préstamos e avais a Xunta pretende mobilizar 100 millóns de euros este ano en dúas liñas de axudas.


A Xunta deu o visto e prace tamén á repartición de 27 millóns na área industrial e á contratación de ata 300 investigadores

Na primeira delas achegará 12 millóns para apoiar ata o 70% dos investimentos a realizar por parte de pemes para fomentar o seu crecemento; mentres que por outra banda a Xunta ampliará en algo máis de 7 millóns a partida para facilitar o acceso a capital mediante a achega de garantías, xa sexa a través de avais do Igape ou da Sociedade de Garantía Recíproca. "Que ningún proxecto viable deixe de facerse por falta de financiamento", resumiu Rueda.

A Xunta destinará outros 7 millóns de euros para "a creación de 700 novos postos de traballo" no medio rural, en municipios con menos de 10.000 habitantes, e nos colectivos con máis dificultades para acceder a un emprego, mulleres e mozos. Estes contratos faranse a través de colaboración coas entidades municipais e o Goberno galego cubrirá o 100% dos custos salariais destas persoas.

"Unha semana máis o sentidiño na xestión do diñeiro publico, o superávit de responsabilidade, dá os seus froitos. Dá froitos hoxe e daraos mañá, fortalece o tecido económico e a creación de emprego na medida do posible", subliñou Rueda, que incidiu en que mentres Galicia pode facer investimentos, "outros se dedican a cadrar o déficit que presentan".

Respecto dalgunhas críticas por parte da oposición sobre os anuncios preelectorais durante semanas con estes fondos por cumprir o déficit, Rueda considerou que "non teñen lóxica" aínda que dixo que "son libres para facelo, porque o ían a facer en calquera caso". 

Por outra banda, o Goberno galego aprobou o anteproxecto de lei do Plan galego de estatística 2017-2021, que persegue consolidar o departamento de análise e contar con información obxectiva e de calidade para tomar decisións. O plan inclúe a obrigación de incorporar a perspectiva de xénero en todas as súas análises e prevé reforzar a colaboración con outros organismos estatais e europeos. "Trátase de consolidar o sistema, que xa existe e é moi bo, e querémolo seguir mellorando", concluíu Rueda.

Comentarios