Pachi Vázquez estala nas redes contra o PSdeG

O exsecretario xeral dos socialistas galegos mostrou o seu rexeitamento á decisión do partido de pospor a data das primarias, aínda que non é a única voz crítica. Outros militantes recelan do posible transvasamento de poder cara a Abel Caballero e Vigo
Pachi Vázquez en una imagen de archivo
photo_camera Pachi Vázquez en una imagen de archivo

Críticos coa dirección actual do PSdeG cren que no Comité Nacional que os socialistas galegos celebraron este domingo en Santiago produciuse unha "cesión de poder" do actual secretario xeral, José Ramón Gómez Besteiro, cara ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, que decidirá "quen será o candidato" á Xunta.

Os cargos críticos consideran que nesta xornada "visualizouse" un pacto entre ambos os dirixentes socialistas para dar saída a unha situación de "estancamento" na que Besteiro "non tiña ningunha oportunidade de ser candidato" debido á súa imputación no caso O Garañón. "Todo o mundo é consciente de que Besteiro non pode ser o candidato e, para non violentar a situación, Vigo colle o temón e di: Xa imos nós dirixindo isto", explicou unha destas fontes que considera que a intervención que fixo Caballero tras o discurso pronunciado por Besteiro "sorprendeu" e "fixo que moitas das persoas que ían tomar a palabra cambiasen as súas intervencións".

En concreto, nun discurso aberto aos medios de forma inusual, Abel Caballero apoiou a proposta do secretario xeral do PSdeG de "aprazar" as primarias ao asegurar que o Partido Socialista debe marcar os seus propios tempos e recordou que, polo momento, non se coñece ao candidato de ningunha formación política.

PACHI VÁZQUEZ, ENFADADO. O exsecretario xeral do PSdeG Pachi Vázquez foi unha das voces máis críticas coa decisión do partido de pospor as primarias. Na súa conta de Twitter, Pachi criticou duramente, ademais deste adiamento, a ausencia de programa e de calendario.


Pero non quedou aí a cousa. Apenas unhas horas despois o exdirixente socialista volvía á carga reafirmándose no "raro" que é o retraso das primarias precisamente "no Comité Nacional do PSdeG, convocado para marcar a data" das propias "primarias en Galicia".



"RISCOS". Outras voces socialistas consideran que "a decisión da que Vigo se fai copartícipe" de non pór un calendario para o proceso de primarias ten "riscos" xa que "abre a porta" a que estas non se celebren e a que Vigo sexa quen decida quen será o candidato. "Vigo ten 1.000 votos nas primarias, o seu peso é moi grande, é coma se en España vaise a unhas primarias e non se ten en conta o que diga Andalucía. En España o que diga Andalucía é o que sae e en Galicia sae o que diga Vigo", apuntaron outras fontes. 


Con todo, foron varios os cargos que coincidiron ao asegurar que os socialistas da cidade olívica son "xente con experiencia e que sabe gañar eleccións". "Outra cousa será, no seu día, o que fagan co candidato", indicaron.

"LECTURA NESGADA". Por outra banda, outros socialistas máis próximos ao actual xefe de filas do PSdeG cren que considerar que se produciu unha "cesión de poder" na cita deste domingo "só responde" á "visión nesgada" dos descontentos coa actual dirección. Fronte a iso, sitúan o respaldo de Caballero ao secretario xeral do PSdeG nun acordo "máis amplo" ao que ambos chegan coa dirección estatal para "non facer ruído" nun momento no que "hai que centrarse en traballar pola gobernabilidade".

"Se critican este respaldo porque non o din no Comité?", cuestionaron estas fontes que explicaron que este mesmo aspecto foi censurado por un dos socialistas que tomou a palabra no encontro, o portavoz do goberno da Deputación de Lugo, Álvaro Santos.

Segundo indicaron, Santos recibiu o aplauso dos asistentes tras cargar contra o exsecretario xeral do PSdeG Pachi Vázquez por "verter as súas críticas nas redes sociais" en lugar de falar ante a militancia.

Comentarios