Vigo acolle as mobilizacións máis importantes do Primeiro de Maio en Galicia

Pontón e Beiras participaron nunhas manifestacións moi marcadas pola proximidade das eleccións xerais e autonómicas ► En Santiago, onde se deixou ver Pilar Cancela, a participación foi irregular
Cabeza de la manifestación organizada por UGT y CC OO en Vigo
photo_camera Cabeza de la manifestación organizada por UGT y CC OO en Vigo

A cidade de Vigo acolleu na mañá deste sábado as principais convocatorias de CC OO, UXT e CIG con motivo do Primeiro de Maio, onde participaron os respectivos secretarios rexionais, así como a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e o líder de Anova, Xosé Manuel Beiras.

As manifestacións, incluída a da CUT, CXT e outras centrais, discorreron pola mesma rúa, Urzáiz, pero por separado -só CC OO e UXT marcharon xuntos- e a diferentes horas.

Os protagonistas coincidiron nas súas declaracións en destacar a proximidade das eleccións xerais e autonómicas e a oportunidade que presentan de cambiar as políticas económicas e sociais do PP, e en reclamar a derrogación das últimas reformas laborais e da chamada lei mordaza.

ELECCIÓNS. Xosé Manuel Sánchez Aguión (CC OO) indicou que "a cidadanía xa falou -nas urnas-, pero creo que os políticos non o entenderon", e a estes invitou a que escoiten a mensaxe: "un cambio radical das políticas e que se goberne en favor da maioría social".

Cre Aguión que a xestión do PP nos últimos catro anos "deulle a volta ao país como un calcetín", coa intención de "acabar co modelo social" preexistente, e cunhas cifras de paro "indecentes, insoportables", como principal consecuencia.

José Antonio Gómez (UXT) reclamou "un cambio de rumbo" e invitou á cidadanía a que "vaia ás urnas", e aos partidos, que non concorran ás eleccións con ningún "programa oculto", como cre que fixo o PP nos últimos comicios.

Cre Gómez que "os traballadores non poden caer na desazón", xa que iso é o que lle gustaría a aqueles que auspician estas políticas" de austeridade e de axuste fiscal que trouxeron "máis pobreza e máis desigualdade".

Xesús Seixo (CIG) chamou aos galegos a que sexan "conscientes da importancia do seu voto" e de que teñan en conta, cando acudan ás urnas, "os altos índices" de emigración, a perda de poboación e o seu envellecemento, os baixos salarios ou a contía das pensións na comunidade.

Seixo sinalou que "o único xeito de superar" a actual conxuntura é que "o nacionalismo, tanto a nivel social como político, sexa maioritario".

A líder do BNG, Ana Pontón, lamentou que non se aproveitase o feito de que nos últimos catro meses, nos que houbo unha maioría parlamentaria suficiente para derrogar tanto as reformas laborais como a lei mordaza, para "darlle unha oportunidade" ás persoas que están nunha situación "desesperada".

Ante a perspectiva de eleccións, tanto autonómicas como xerais, Pontón indicou que se abre un novo escenario, unha nova oportunidade", para que Galicia "volva ter unha voz propia" e para que haxa capacidade real" para acabar con estas reformas que "están a deixar tiradas a miles de persoas".

Xosé Manuel Beiras (Anova) indicou, pola súa banda, que actos reivindicativos como os do Primeiro de Maio teñen "máis importancia que nunca" dado que "o conxunto da clase traballadora" está a ser convertida en "escrava".

De aí a súa insistencia na necesidade dunha "rebelión cívica".

MANIFESTACIÓNS EN SANTIAGO. A Alameda de Santiago de Compostela foi o punto de partida da mobilización convocada este sábado por UXT e CC OO, que tivo unha escasa participación.

A ela asistiu a presidenta da xestora do PSdeG-PSOE, Pilar Cancela, que dixo que a solución á actual situación sociolaboral pasa por gañar a Xunta e o Goberno central para cambiar as políticas do PP.

Cancela cualificou a xornada como "un día de loita". "O 1 de maio converteuse nos últimos anos nunha loita da clase obreira porque, por desgraza, non podemos achegar ningún dato positivo do mercado de traballo", dixo en declaracións aos medios.

Criticou as políticas laborais do Goberno da Xunta, e dixo que "en Galicia o dato que pode pór encima da mesa o señor Feijóo é unha taxa de desemprego de máis do 18,24 por cento".

"Máis de 200.000 persoas paradas das que a maior porcentaxe son mulleres, os mozos non teñen nin sequera como poder desenvolver o seu proxecto profesional e vital, de poder desenvolver a súa formación cualificada nesta terra, e o que nos queda é saír á rúa unha vez máis e gritar e gritar, e reivindicar, e logo, por suposto, gañar a Xunta e o Goberno para cambiar as políticas".

Maior asistencia rexistrou a manifestación convocada pola CIG baixo a lema Reformas laborais e lei mordaza, anulación xa!.

Comentarios