A costa de Lugo e A Coruña sobe ata a alerta vermella este luns

Espéranse ondas de ata nove metros no litoral, segundo as informacións meteorolóxicas

A Dirección Xeral de Urxencias e Interior da Xunta de Galicia alertou este domingo dun temporal de nivel vermello que afectará a partir deste luns pola tarde ao litoral das provincias da Coruña e Lugo por ondas de nove metros. Segundo as previsións meteorolóxicas, espérase mar combinada do oeste e noroeste de oito a nove metros desde as oito da tarde na Coruña e a Mariña lucense.

O resto da costa galega permanecerá en alerta laranxa por fortes ventos e choiva. Por este motivo e co fin de garantir a seguridade de bens e persoas, a Xunta informou desta situación a concellos, deputacións, servizos provinciais e agrupacións de Protección Civil, así como aos clubs náuticos, entre outros.

Tamén quixo recordar á poboación a importancia de seguir as medidas de protección, como evitar aproximarse a diques ou rompentes para evitar un eventual golpe de mar que poida arrastrar a persoas ou obxectos, e vixiar posibles caídas de obxectos de balcóns e fiestras.

Comentarios