Crece a presión hospitalaria a pesar dun lixeiro descenso dos casos de covid

Hai 214 persoas ingresadas con coronavirus, 49 delas na Uci
 

Sanitarias nunha Uci. ARQUIVO
photo_camera Sanitarias nunha Uci. ARQUIVO

Galicia sumou 211 contaxios por covid-19 en 24 horas, 19 menos que na xornada anterior, o que non impide que os novos positivos se manteñan por segunda xornada seguida por enriba dos 200. Atendendo aos datos publicados este venres pola Consellería de Sanidade os casos activos son 3.113, nove menos, nunha xornada na que a presión asistencial nas unidades de coidados intensivos volve subir. 

Ás 18.00 horas do xoves, había nas Uci da comunidade 49 pacientes, dous máis que o día anterior e case o dobre que hai dúas semanas, cando eran 26. Aínda así, a presión nesas unidades segue sendo a segunda máis baixa de España, porque as persoas con covid ocupan un 5,6% das camas dispoñibles neses servizos, moi lonxe do 23% de media do conxunto do país. 

Nas unidades convencionais hai 165 pacientes, un máis que o día anterior. 

Desde o inicio da pandemia contaxiáronse en Galicia 122.149 persoas, das que se curaron 116.671 e 2.388 faleceron. As dúas últimas mortes comunicáronse na tarde do xoves. 

A taxa de probas PCR que dan resultado positivo mantense estable no 2,2%, tras realizarse na última xornada 8.583 test dese tipo e outras 2.320 serológicas. 

Por áreas sanitarias, a de Vigo segue sendo a máis afectada polo virus, cun incremento de casos dun 13% na última semana, ata os 933, un menos que o día anterior. 

O aumento na área de Lugo nunha semana tamén supera o 10%, ata os 236 casos (12%), tras sumar 17 novos nas últimas 24 horas. É unha tendencia inversa á da área de Ferrol, que reduciu case un 12% os seus casos no mesmo tempo, ata os 97. O resto de áreas permanecen estables, con lixeiras subidas ou baixadas, nos últimos sete días.

Comentarios