A CRTVG defende "a liberdade de expresión" en Land Rober ao que o PSOE tacha de "machista"

Na Comisión Permanente de Control da Corporación da cadea os partidos denunciaron unha "sobreexposición" de Feijóo e a non emisión da María Casares

Roberto Vilar presentando Land Rober Tunai Show. CRTVG
photo_camera Roberto Vilar presentando Land Rober Tunai Show. CRTVG

O director da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, defendeu o "dereito á liberdade de expresión" e "creación artística" e alerta do "perigo" de sacar o humor de contexto, tras as críticas do Partido Socialista ao "machismo" do programa Land Rober e á súa utilización política coa "sobreexposición" do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

No marco da Comisión Permanente de Control da Corporación da RTVG, a deputada Noela Blanco denunciou que o medio público "xa parece a televisión coreana". "Temos empacho do amado líder", ironizou, tras recordar a presenza de Feijóo no programa de humor, coma se fose "unha estrela do rock" tras as eleccións autonómicas e a súa recente intervención para falar co actor Luís Zahera.

Foi nunha comisión repleta de acusacións de "manipulación" por parte das deputadas da oposición, no día no que se cumprían 45 Venres negros de protestas de traballadores.

Ante a pregunta de Noela Blanco de se en Land Rober tamén se vai a entrevistar a líderes doutras formacións, Sánchez Esquerdo expuxo que "non é un programa deseñado para que os seus invitados sexan políticos" e que a recente intervención de Feijóo tivo como obxectivo que felicitase ao actor galego tras recibir un premio Goya.

"Non queremos que a TVG se converta na televisión dos mamachichos"

Pero a deputada socialista tamén afirmou que "non é tema menor o ton machista deste programa" e "é preocupante" que se descualifique e se cosifique ás mulleres". "Non queremos que a TVG se converta na televisión dos mamachichos", expresou. 

E como exemplo, puxo as frases utilizadas para presentar o programa, como "mellor ver Land Rober que pegar a unha vella", en setembro de 2018, ou "a muller namorouse e quere un divorcio exprés, pero Arturo quere unha das tetas", que figurou "na web da CRTVG".

Ante isto, Sánchez Izquierdo, que recordou que se trata dun programa premiado polas canles autonómicas en 2017, asegurou que non se tomarán medidas contra Land Rober, porque se trata de "parodias" que hai que entender no "seu contexto", do mesmo xeito que "haberá a quen non lle agrade" que se parodie á familia real ou á garda civil, ou a persoas "demasiado gordas, ou xitanos ou payos". 

"A liberdade de expresión artística é un dereito que nos ampara colectivamente e non será este director xeral o que menoscabe este dereito", resaltou, para defender que o "humor deforma a realidade" e en ocasións pode "permitir entender a realidade desde un punto de vista absurdo ou esperpéntico".

Aínda que se poida discutir" se nalgún sketch hai algún "personaxe caricaturizado con rumbo machista", remarcou que "non é significativo do programa, todo o contrario". 

Para reforzar as súas afirmacións, en resposta á deputada socialista, referiuse ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez, quen defendeu que "a expresión artística é un dereito que ampara colectivamente". "A ver se Eta pon unha bomba e explota", citou, é unha "frase amparada por importantes dirixentes do seu partido" respecto da liberdade do dereito a expresión artística.

GALA DOS PREMIOS MARÍA CASARES

Por outra banda, na comisión parlamentaria, a deputada do BNG Olalla Rodil criticou que este ano a TVG non emitise a gala dos Premios María Casares de teatro, que organiza a Asociación de Actores e Actrices de Galicia, nunha decisión que achacou " soberbia" da dirección da corporación e ao "deixamento" cos sectores culturais.

O director da Corporación defendeu que durante dez anos a TVG foi a única canle autonómica en retransmitir unha gala destas características e xustificou a súa ausencia neste 2019 ante os cambios "substanciais" e "unilaterais" solicitados pola asociación.

Entre eles, citou a reclamación de que se emitise na primeira canle da TVG e non na TVG2 e que o ente público, ao que a retransmisión cústalle "preto de 25.000 euros", asumise tamén outros "6.000" derivados da iluminación. "Ningunha entidade pode imporlle á TVG como traballar", remarcou.

A representante do BNG afeoulle a resposta, porque se enfadan e din que non lles cobren, é peor que un medio de comunicación privado cutre", concluíu.

Comentarios