Corenta talleres abordarán a diversidade sexual en colexios de Santiago

A actividade foi pensada pola Federación de Anpas de Compostela que manifestaron a "necesidade de traballar todo o que ten que ver coas identidades sexuais e as orientacións sexuais"

Un total de 40 talleres tratarán sobre a inclusión das diversidades sexuais entre alumnos dos dous últimos cursos de primaria e os dous primeiros de secundaria con motivo do Día Internacional contra a Homofobia que se celebrou o pasado 17 de maio.

As charlas forman parte dun proxecto máis amplo que a Concellaría de Políticas Sociais, Diversidade e Saúde pretende levar a cabo durante o seguinte curso escolar, segundo explicou en rolda de prensa a concelleira Concha Fernández.

Os talleres contarán coa intervención na aula de profesionais externos ao centro educativo que traballarán o desexo sexual que comeza a manifestarse durante a adolescencia e porán o foco naquelas vivencias sexuais maioritarias que poden solapar a outras minoritarias e individuais.

"A proposta que este ano fixemos para conmemorar esa data é unha campaña dirixida aos estudantes de 5º e 6º de primaria e 1º e 2º de secundaria, consistente nun taller dunha duración aproximada de dúas horas nas que se abordarán as diversidades sexuais", destacou Fernández.

A concelleira engadiu que se trata de "unha campaña iniciática" que se realiza por primeira vez e que nace coa idea de sentar unhas bases "para o próximo curso, ir construíndo un pequeno relato ao redor da educación afectivo-sexual e do necesario respecto das diversidades sexuais".

A actividade foi pensada pola Federación de Anpas de Compostela que manifestaron a "necesidade de traballar todo o que ten que ver coas identidades sexuais e as orientacións sexuais", segundo argumentou Fernández, polo que "vai acompañada dunha charla cos pais e nais" de dúas horas de duración.

"Esperamos que a nivel social teña continuidade o relato cando conmemoremos o Día do Orgullo Gai a finais do mes de xuño", afirmou, a pesar de que xa non se poderá facer nas aulas posto que o curso terminaría.

Jorge Carballido, psicólogo da Unidade Municipal de Atención a Drogodependentes, explicou que os talleres virarán en torno á curtametraxe Vestida Novo, que se pode atopar en Youtube.

Comentarios