Un home foi denunciado tras chocar contra unha fonte de Vigo co seu vehículo e abandonalo na mesma, á que causou danos por valor de 10.000 euros.
Nunha rolda de prensa este luns na cidade olívica, o alcalde, Abel Caballero, detallou que os feitos tiveron lugar este domingo sobre as seis da mañá, cando a Policía Local foi alertada de que un vehículo se metera na fonte situada na confluencia das rúas Rosalía de Castro e Serafín Avendaño.
Tras desprazarse ao lugar, os axentes comprobaron que o vehículo accedera ao interior da fonte, que conta cunha pantalla que nese momento estaba apagada. Así mesmo, observaron que o turismo estaba baleiro, polo que, tras un cotexo dos seus datos, comezaron a buscar o seu propietario na zona e na súa vivenda.
Sobre as 9.30 horas localizaron ao condutor na porta de acceso ao edificio no que residía e sometérono ás probas preceptivas de detección de consumo de alcol e drogas, que deron resultados negativos.
O home foi denunciado por abandonar o vehículo tras sufrir o accidente e por conducir de forma temeraria, o que se comprobou mediante indicios observados na zona na que se produciu a colisión.