Denuncian tres anos de espera para unha operación de redución de estómago

Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS). EP

Alertan de que as demoras para unha intervención deste tipo está en case catro anos ► Pola súa banda, o CHUS sinala que a espera para unha cirurxía bariátrica é menor a 6 meses

A Asociación de Pacientes do CHUS (Complexo Hospitalario Universitario de Santiago) denunciou a suposta espera de tres anos para unha operación de redución de estómago a unha muller diagnosticada con obesidade supermórbida.

Nun comunicado, a asociación de pacientes faise eco dunha carta desta paciente que reclama urxencia na súa intervención despois de que a súa primeira cita co médico de familia tivese lugar o mes de xullo do 2016 para solicitar unha consulta co endocrinólogo que lle diagnosticou obesidade supermórbida "e díxome que cabía a posibilidade dunha operación de estómago".

A día de hoxe sigo sen resposta ningunha do sistema e durante todo este tempo de espera a miña saúde viuse moi agravada

"A día de hoxe sigo sen resposta ningunha do sistema e durante todo este tempo de espera a miña saúde viuse moi agravada", remarca esta muller. Sinala que esta situación lle impide facer unha vida normal" porque non pode "andar, nin conducir nin desenvolver adecuadamente o seu traballo".

Agora a próxima cita marcada co endocrino é para o 17 de abril de 2020.

Para a asociación de pacientes, este caso evidencia "a realidade dun modelo asistencial en estado de ruína" porque é un exemplo "entre centos de persoas coa súa mesma patoloxía e ás cales o sistema non dá resposta".

Denuncian que o Sergas "non está a publicar as listas de espera para operacións de estómago", xa que de acordo coa información á que, sosteñen, tivo acceso a Asociación de Pacientes, as demoras para unha intervención de redución de estómago está en case catro anos e actualmente estanse operando os pacientes de 2015.

O dato que se fixo público a mediados de 2018 por parte do departamento sanitario de Galicia apuntaba que en cirurxía xeral e dixestiva había 1.325 pacientes en espera para ser operados.

Con todo, desde a plataforma esixen "que se fagan públicas as listas de espera opacas de pacientes diagnosticados con obesidade mórbida" e que se informe dos motivos polos que se están producindo estas demoras.

RESPOSTA DO SERGAS. Pola súa banda, o Complexo Hospitalario Universitario de Santiago sinalou este venres que a espera para unha intervención de cirurxía bariátrica no centro é inferior a seis meses tras a indicación específica do especialista e a realización de numerosas probas e tratamentos previos. Ademais, negan o caso denunciado porque "non existe paciente algún con esa espera".

O hospital sinala así mesmo que "é necesario recordar que o tratamento de obesidade mórbida é moi complexo" e que a súa abordaxe é multidisciplinar, pois interveñen especialistas en endocrinoloxía, cirurxiáns, nutricionistas, psicólogos e psiquiatras, entre outros.

A dieta, fármacos e a cirurxía bariátrica son algúns dos tratamentos que se realizan, sempre en colaboración co paciente, subscriben. Non en balde, "a súa colaboración nas terapias é imprescindible para a efectividade do tratamento" e a cirurxía bariátrica "non está indicada para todos os pacientes e soamente pode ser abordada por indicación clínica dun facultativo e non está indicada para todos os pacientes".