Denuncian o altercado provocado por un recluso na Uci do Chuac

Segundo o SUP, o incidente "podería terse evitado" se as custodias dos presos se realizasen sempre por dous axentes no canto dun

O Sindicato Unificado de Policía (SUP) denunciou este venres un altercado ocorrido o pasado luns durante a custodia dun recluso ingresado en observación na Uci do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac), que xa mostrara un comportamento agresivo en días precedentes.

Nun comunicado, o SUP sostén que a actitude mostrada polo recluso foi "en todo momento" de trato despectivo, con ameazas, insultos e toda clase de improperios vertidos tanto ao persoal sanitario e visitantes, como ao persoal policial encargado da súa custodia. Pero nun momento dado, continúa, a situación "volveuse insostible cando intentou arroxar instrumental médico e todo aquilo que tiña ao seu alcance contra o persoal que con el se atopaba". O policía encargado da súa custodia solicitou apoio urxente para poder controlar a situación, que provocou un "pánico xeneralizado" na Uci. 

Segundo este sindicato policial, "todo isto podería terse evitado ordenando que as custodias a reclusos efectuadas fose do módulo hospitalario sexan realizadas sempre e en todo momento por dous axentes". Na mesma nota, recorda que o pasado 2 de febreiro denunciou ante a Xerencia do Chuac "a falta de persoal policial e as irregularidades" con que se estaban realizando as custodias dos presos derivados do Centro Penal de Teixeiro.

Comentarios