Denuncian o uso de cemento para reparar o Camiño Primitivo ao seu paso pola Fonsagrada

Unha zona do Camiño Primitivo antes e logo das obras de reparación nas que se usou cemento. ADEGA

As obras levaron unha "alteración irreparable dese tramo", denuncia a asociación Foro do Camiño

A asociación Foro do Camiño Primitivo denunciou este martes a "destrución da identidade" dun tramo do Camiño Primitivo, unha das rutas xacobeas inscritas na lista do Patrimonio Mundial da Unesco, pola utilización de cemento e maquinaria pesada en obras de reparación.

A citada asociación, que indica estar integrada por unha trintena de entidades de defensa e coidado das rutas xacobeas, sinala que denunciou esa situación ante o Icomos, o organismo vinculado á Unesco encargado de supervisar o cumprimento dos compromisos para a preservación de monumentos e patrimonio cultural.

Segundo o Foro, a axencia de Turismo da Xunta levou a cabo obras para "acondicionar" os camiños do Norte e Primitivo que afectaron a "identidade tradicional" e o "valor patrimonial da vía primitiva entre os lugares de Vilardongo e Pedrafitelas, no municipio da Fonsagrada".

Subliña que "para a realización das mesmas foi utilizado todo tipo de maquinaria pesada" e procedeuse á urbanización da calzada antiga, sepultada agora en parte por cemento".

Engade que as obras levaron unha "alteración irreparable dese tramo" debido "agresividade" dos traballos que foron denunciados por algúns veciños, "debido á repercusión que tiveron as mesmas nas súas propiedades".